El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Máis de 100 persoas asisten á homenaxe a Rosalía de Castro no Panteón dos Galegos Ilustres

26-07-2006

Máis de 100 persoas asistiron este martes en Santiago á homenaxe a Rosalía de Castro co gallo do Día de Galicia. Unha misa na honra da poetisa de Padrón, un recital poético e unha ofrenda floral conformaron o emotivo acto celebrado na compostelá igrexa de San Domingos de Bonaval. Na cerimonia relixiosa estivo presente o espírito de xustiza social que caracterizaba a Rosalía, "símbolo de problemas materiais, da lingua e da cultura", segundo se lembrou no transcurso da liturxia. Durante o oficio, recoñeceuse tamén as dúbidas que a escritora chegou a ter coa fe, a pesar de ser crente. Ó acto acudiron a conselleira de Cultura, Anxela Bugallo, persoeiros do mundo cultural, representantes políticos e cidadáns de a pé que conmemoraban no día de hoxe unha figura tan importante para Galicia. Turistas curiosos, algúns deles expertos, non perderon tampouco esta cita, aínda que observaron "falta de interés" por parte dos galegos neste acto en lembranza de Rosalía. O tema ?Negra sombra? a cargo dun trío de cordas deu paso ó recital poético. Algúns literatos galegos evocaron a escritora a través dos seus propios versos ou dos que algúns dos creadores galegos actuais lle dedicaron, nas voces de Xesús Alonso Montero, Fernán Vello ou Anxo Angueira, entre outros. Con isto quixeron "reflectir o que Rosalía representa para nós". Membros destacados de distintos organismos e institucións, como o Concello de Santiago e o de Padrón, a Fundación Rosalía de Castro, a Deputación de A Coruña, o Consello da Cultura Galega, a Fundación Alfredo Brañas, a Real Academia Galega, a Fundación Barrié de la Maza, a Asociación do Traxe Galego, a Fundación Castelao, as tres universidades galegas e o Centro Galego de Buenos Aires, ademais do Goberno autonómico, participaron despois na ofrenda floral. Unha morea de coroas de flores se apiaron ó pé da tumba de Rosalía de Castro, que deixaron un arrecendo fresco na súa memoria no Panteón dos Galegos Ilustres.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias