El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

O Camiño de Santiago contará cun plan de calidade para mellorar a súa oferta e os servizos complementarios

Cobrarase unha cantidade "simbólica" por usa-los albergues

14-08-2006

A Dirección Xeral de Turismo da Xunta vén de formular un décalogo de medidas dirixidas a mellorar o modelo de xestión da Rota Xacobea co obxectivo de optimizar os servizos e a oferta do primeiro itinerario cultural europeo. O fin do 'Plan de Calidade do Camiño de Santiago' é dar un pulo cualitativo á rota, atendendo máis ás potencialidades complementarias que poden reforzar a súa identidade e deixando en segundo plano a captación de novos peregrinos. A primeira acción contemplada nesta serie de medidas implica o pagamento dunha cantidade simbólica por parte dos viaxeiros ao usaren a Rede de Albergues do Camiño de Santiago. A Xunta considera que co abono de entre 4 e 5 euros se poderían mellorar as súas instalacións e engadir novos equipamentos. Non obstante, este canon non se aplicará nos polideportivos e tendas de campaña do Exército empregadas para dar acubillo aos visitantes nas épocas de maior afluencia de peregrinos, o que se denomina oferta de aloxamento 'excepcional'. O departamento de Rubén Lois concibe o Camiño como un foco de atracción non só de viaxeiros, senón tamén para novos produtos, empresas e servizos turísticos. Así, a Rede de Albergues do Camiño poderíase complementar por unha oferta hostaleira diversificada, que complete as necesidades deste roteiro. Eis que se estea a traballar na creación dun Observatorio permanente do Camiño, que abranguerá todas as actuacións relacionadas coas pernoctacións e a promoción deste produto turístico internacional, clave para Galicia. A súa función basearase no diagnóstico das accións máis indicadas para mellorar a oferta e seguir a evolución da satisfacción dos visitantes. Este órgano impulsaría o reforzo dos puntos de información turística dos concellos vencellados á Rota Xacobea, de forma que os peregrinos conten sempre cun amplo abano de posibilidades, xa sexa para personalizar as súas etapas de viaxe ou para descubrir todos os elementos históricos, culturais e ambientais do lugar ao que chegan. Neste senso, a Xunta facilitará o desenvolvemento de convenios e acordos para impartir cursos de formación continua e complementaria que atendan as carencias dalgúns dos ciclos superiores de Formación Profesional dedicados ao eido turístico, por non axeitarse as esixencias deste sector. Outras intervencións O Camiño de Santiago caracterízase por combinar unha oferta de turismo cultural-relixioso e natural, impregnado da idiosincrasia da terra pola que transcorre. A esta rota están ligadas moitas asociacións culturais, veciñais e deportivas, baixo a iniciativa da propia sociedade civil. Este feito contribúe decisivamente na súa dinamización, motivo polo que a Xunta quere potenciar a sinatura de convenios coas organizacións sen ánimo de lucro que defendan o seu patrimonio histórico e cultural. Ao mesmo tempo, quérese tirar proveito das mellores producións galegas no eido alimentario, coa garantía de calidade que ofrecen as Denominacións de Orixe, ou a singulariedade das manifestacións artesanais. Esta colaboración sumarase á recuperación e restauración dos entornos visuais e paisaxísticos que emprenderá a Administración autonómica, desde a óptica da mellora ambiental e ecolóxica de cada unha das variantes da Rota Xacobea. Baixo esta perspectiva desenvolveranse políticas de protección das paraxes naturais, así como dos conxuntos bioxográficos de interese. E todo elo estará recollido nun bo número de mostras, exposicións, publicacións e libros sobre o fenómeno xacobeo, co fin de potenciar o seu carácter máis histórico e cultural. Mais non de xeito aillado, senón en conxunción coa esencia común das peregrinaxes, nunha perspectiva que pode facer comungar culturas distintas e diversas de modo enriquecedor. Este decálogo de actuacións concretaránse, así, segundo a Xunta, nun conxunto de políticas de promoción das producións propias, de creación de novas vías de prestación de servizos, de mellor autopromoción, de formación, de protección dos espazos naturais e do patrimonio, así como dar un pulo significativo aos procesos de desenvolvemento local.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias