El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

A Rede Galega de Auditorios e Teatros estrea modelo de programación

Os 45 escenarios cos que conta acollerán este semestre 332 funcións, con proxectos específicos como Redesons e Rededanza

07-09-2006

A Rede Galega de Teatros e Auditorios cambia de estratexia, coa inauguración este venres en Vilagarcía de Arousa dun novo modelo de programacións específicas. Ao longo do segundo semestre deste ano, nos 45 escenarios de concellos e entidades cos que conta a rede, ofreceranse 332 funcións de teatro, música, danza e maxia, nas que se inclúen os programas Rededanza, Redesons Jazz e Redesons Clásica. A nova oferta constitúe o paso previo á posta en marcha dun novo modelo organizativo, que estará plenamente desenvolvido en xaneiro de 2007, segundo confirmou en Santiago o xerente do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (Igaem), Miguel Martín. Neste proceso de reforma están a participar os diferentes sectores implicados (asociacións escénicas, programadores culturais e Igaem). Miguel Martín informou de que a rede está na recta final dunha reforma coa que se busca a súa consolidación como un "circuíto de espazos de exhibición". As distintas programacións contarán con orzamentos diferenciados. O xerente do Igaem destacou que a atención especializada que agora se pretende para a danza, a música, os monicreques e a maxia terá un espazo crecente nunha oferta de espectáculos que ata o de agora "centrábase básicamente no teatro de autor", dixo. Os novos programas de danza contemporánea, jazz e música de cámara completarán o cartel xeral da Rede de Teatros e Auditorios, con 34 funcións corespondentes ao programa de Rededanza, 25 ao de Redesons Clásica e 29 ao de Redesons Jazz. A incorporación destas tres últimas novas programacións suporá no segundo semestre un volume de contratación de 263.340 euros (dos que os concellos aportarán 115.297) aos que hai que engadir os 609.587 euros destinados á programación xeral do semestre. Oferta O espectáculo 'N8 OHX', da compañía Pisando Ovos, inaugura mañá as nove do serán, no auditorio municipal de Vilagarcía de Arousa, a programación de Rededanza, que terá lugar en nove escenarios. Neste programa participarán 14 compañías, oito galegas e seis de fóra. Canto a música, Redesons Jazz dará comezo o vindeiro 30 en Gondomar, cun concerto do Jazz Vides Cuartes. Participarán neste caso 17 grupos e intérpretes gallegos,que actuarán en nove concellos. Pola súa parte, Redesons Clásica celebrarase a partir do 11 de outubro en oito localidades, onde actuarán 20 formacións, todas elas galegas. "Fondo cambio" Do novo modelo de programación, Miguel Martín dixo que suporá un "fondo cambio" tanto na concepción como nos obxectivos. Así, afirmou que se buscará potenciar o mercado galego das artes escénicas, apoiando a súa presenza e visibilidade social, traballando na captación de novos públicos e incrementando o volume total de contratacións. Engadiu que tamén se disporá dunha páxina web propia, de estudios periodicos ou de modalidadades como a billeteira electrónica. Fronte a un público potencial de 1.900.000 persoas nas localidades nas que se desenvolve a programación, ás 332 funcións programadas espérase que asistan arredor de 50.000 espectadores. Miguel Martín recoñeceu que a presencia social das artes escénicas, non xa en Galicia, senón en España, é baixa, polo que destacou a parte positiva sinalando que se trata dun mercado cun potencial de crecemento "moi elevado".





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias