El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

MEDIO AMBIENTE

"Os Bolechas" visitan Sogama

22-10-2010 20:05:26

"Os Bolechas", personaxes de ficción da literatura infantil galega, ensinan aos máis pequenos o proceso de xestión e tratamento ao que son sometidos os residuos urbanos dos Concellos adscritos ao modelo Sogama. Con esta publicación, que leva por título "Os Bolechas queren saber que se fai co lixo que chega ao Complexo Medioambiental de Sogama", a entidade quixo explicar aos nenos e nenas de 5 a 9 anos, dunha forma sinxela, amena e divertida, os procesos técnicos implantados na infraestrutura industrial desta empresa pública co fin de que o lixo reciba un axeitado tratamento, separando a fracción susceptible de ser reciclada e valorizando enerxeticamente o resto mediante a súa transformación en enerxía eléctrica renovable.

Dado que, por razóns de seguridade, o programa de visitas ao Complexo Medioambiental de Cerceda, materializado dende hai máis de 10 anos, admite escolares a partir dos 9 anos, a entidade, consciente de que quedaba un amplo espectro de poboación sen cubrir e sen ter a oportunidade de coñecer o funcionamento real destas instalacións, decidiu poñer en marcha unha iniciativa destas características, recorrendo para isto a unha das familias de ficción máis próximas aos nenos galegos.

Neste caso, o esforzo realizado para adaptar a temática a unha linguaxe sinxela e comprensible foi, se cabe, maior que noutros casos, pois non debe esquecerse que o entramado técnico presente nas distintas fases do proceso de xestión dos desperdicios recepcionados por Sogama, e co que se garante un tratamento respectuoso co medio ambiente e a saúde pública, limita en boa medida as posibilidades de sintonizar os contidos e mensaxes co nivel educativo do alumnado.

PROCESO INDUSTRIAL

Carlos, Braulio, Sonia, as xemelgas Loli e Pili, Tatá e o can Chispa conseguíronno, adentrándose nunha realidade que todos debemos ter moi presente, sendo conscientes de que a problemática que entraña a nosa bolsa de lixo non remata no momento de depositala no colector, senón que aí inicia un longo percorrido que lle permitirá viaxar ata os centros de reciclaxe, sempre e cando os seus materiais fosen depositados pola cidadanía nos distintos colectores de recollida selectiva, ou ben, no caso da fracción non reciclable que chega ao Complexo de Cerceda, transformarse en enerxía eléctrica renovable e coa que se pode abastecer 100.000 vivendas.

Neste sentido, Os Bolechas explican con detalle aos máis pequenos que Sogama xestiona dúas fraccións de residuos nas súas instalacións. Por un lado, a denominada "bolsa amarela", é dicir, os materiais procedentes da recollida do colector amarelo (envases de plástico, latas e briks), que clasifica por tipoloxías nunha planta automatizada, remitíndoos aos centros de reciclaxe e, por outro, a "bolsa negra", isto é, o lixo procedente do colector xenérico (orgánicos e non reciclables), seleccionando en primeira instancia, e de forma mecánica, a parte susceptible de ser reciclada (aceiro e aluminio fundamentalmente) e acondicionando un Combustible Derivado de Residuos (CDR) co resto, que logo alimenta unha Planta Termoeléctrica para xerar electricidade dunha forma limpa. E é que un potente sistema de depuración de gases permite que as emisións á atmosfera estean moi por debaixo dos límites legais.

Como resultado deste proceso obtense un residuo final, as cinzas e escouras. En canto ás primeiras, estas introdúcense nuns sacos big bag, que son colocados nun depósito de seguridade con todas as garantías ambientais, mentres que, respecto ás escouras (pedras, cerámica, vidro, etc), cabe a posibilidade de que poidan ser reutilizadas en obras de construción civil, fundamentalmente como áridos.


AS 3 R, PIAR NA XESTIÓN DOS RESIDUOS

Os Bolechas recordan en todo momento a necesidade de que a cidadanía colabore na xestión dos residuos urbanos a través do consumo responsable, a prevención, a redución na produción de lixo, a reutilización e a activa participación no sistema de recollida fraccionada, depositando cada tipoloxía de material no colector correspondente.

Así mesmo, aluden ás posibilidades que trae consigo a compostaxe doméstica en determinadas áreas do medio rural galego mediante a fabricación de compost, un fertilizante natural con excelentes propiedades para o solo e que se obtén a partir da reciclaxe da materia orgánica, propiciando un importante aforro en custos ambientais, económicos e sociais. Trátase, en definitiva, de recuperar unha práctica tradicional en Galicia mediante a separación da materia orgánica, ben para alimento do gando ou ben como abono natural para plantas e terras de cultivo.

A publicación xa chegou aos 901 centros educativos de infantil e primaria.(338 na provincia de A Coruña, 132 na de Lugo, 116 na de Ourense e 315 na provincia de Pontevedra), téndose distribuido entre estes un total de 18.500 exemplares.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias