El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

CULTURA

Unha exposición itinerante, un congreso internacional e dez faladoiros, principais actos do Ano Cunqueiro

17-01-2011 19:14:15

O Ano Cunqueiro empezou coa presentación pública do programa de actividades conmemorativas do centenario do escritor (1911-1981), que se iniciará en Vigo en febreiro e rematará en Mondoñedo a finais de decembro. Un calendario de actos entre os que destacan unha exposición itinerante, un congreso internacional e dez faladoiros, coordinados desde o Consello da Cultura Galega por Henrique Monteagudo nunha comisión inter-institucional integrada pola Consellería de Cultura, os concellos de Mondoñedo e Vigo, as universidades galegas e a Real Academia Galega.

As actividades do progama '2011, Ano Cunqueiro' comezarán nas rúas de Vigo o próximo 21 de febreiro. As obras do escritor sairán á rúa e os seus textos viaxarán nos autobuses da cidade na que pasou boa parte da súa vida. Xulio Calviño, concelleiro de Seguridade, tráfico e transportes, explicou que o acto central, no que intervirá Luís Emilio Batallán, terá lugar o 26 de febreiro no Centro Cultural de Novacaixagalicia.

Outro dos actos destacados celebrarase o 16 de abril, cando se rememorará no Seminario de Mondoñedo o ingreso de Álvaro Cunqueiro na Real Academia Galega e a resposta de Francisco Fernández del Riego, recentemente desaparecido. Cunqueiro fora proposto por Ramón Otero Pedrayo, Aquilino Iglesia Alvariño, Ricardo Carballo Calero e Domingo García Sabell.

Por outra banda, o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, anunciou o propósito de difundir a obra cunqueiriana a través dos centros dependentes do Ministerio de Asuntos Exteriores. Subliñou, asemade, a importancia de acoller algúns dos actos previstos na Cidade da Cultura recén inaugurada.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias