O Goberno galego aposta por achegar as novas tecnoloxías a todos os cidadáns a través de medidas como a posta en marcha da Rede CeMIT, según destacou o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro en Padrón. Alí participou, xunto o delegado da Xunta na Coruña, Diego Calvo, no acto de posta en servizo das devanditas instalacións a través dunha videoconferencia con conexión tamén co centro CeMIT de Abegondo. O alcalde deste concello deu os parabéns aos outros dous municipios pola súa integración na Rede de Centros de Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia.
Segundo detallou Alfonso Cabaleiro, a Secretaría Xeral de Medios destinou 120.000 euros a cada unha das aulas multimedia postas en servizo hoxe. Cada aula –dixo- conta con 20 ordenadores, permitindo que os cidadáns poidan utilizar internet de balde e participar en todas as actividades e cursos que nelas organizan empresas e colectivos do municipio e a propia Xunta.
94 aulas en 88 concellos de Galicia
Cabaleiro salientou o grao de implantación da rede CeMIT en Galicia, que conta con 94 aulas presentes en 88 concellos galegos e se ten convertido nun referente tecnolóxico na nosa comunidade. Destacou, así, que a Xunta está a cumprir o compromiso de que cada cidadán poida contar cunha aula CeMIT a menos de trinta minutos do seu lugar de residencia.
O secretario xeral de Medios instou a “aproveitar as sinerxías” e a “xuntar esforzos” entre as administracións locais e a autonómica para conseguir que as tecnoloxías da información e da comunicación nos axuden a salvar distancias físicas e superar a fenda dixital. De igual xeito, garantiu o apoio da Xunta aos concellos no mantemento tecnolóxico das aulas, para o que se destinan anualmente 560.000 euros para o servizo de centro de atención a usuarios e de soporte técnico.
A tecnoloxía ao servizo de todos os galegos
Na súa intervención, Cabaleiro destacou que as 94 aulas que compoñen a Rede de Centros de Modernización e Inclusión Tecnolóxica abrangue xa todas as comarcas de Galicia onde funcionan como lugares de encontro, de formación e promoción multimedia. Salientou, ademais, que “poñen a tecnoloxía ao servizo de todos os galegos”, incluso na emigración, grazas ao uso da videoconferencia, e que no pasado mes de febreiro albergaron 400 eventos.
Pola súa banda, Diego Calvo, que conectou desde Narón coas outras aulas a través de videoconferencia, resaltou que a provincia da Coruña conta con 36 aulas CeMIT, un 34 por cen do total, o que se corresponde coa porcentaxe da súa poboación do 38 por cento. O delegado territorial da Coruña destacou que se ten cumprido o obxectivo de que todas as comarcas da Coruña conten cunha aula municipal e invitou aos cidadáns a participar nos cursos que se están impartir nelas, como é o de Marketing en Internet.