O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde da Consellería de Cultura e Turismo pola que se convocan os Premios da Cultura Galega para 2011. A Xunta premiará o traballo creativo da comunidade a través de sete modalidades: Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural, Promoción Cultural de Galicia, Música e Creación Audiovisual. O prazo de presentación de candidaturas amplíase este ano a dous meses, contados a partir de mañá.
Concédese un único premio en cada unha das modalidades e non poderá recaer máis dun galardón na mesma persoa. O premio consistirá nunha escultura ou obxecto conmemorativo realizado por un artista galego de recoñecido prestixio e nun diploma acreditativo.
Poden ser candidatos as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que se distinguisen pola súa traxectoria vinculada ao obxecto da modalidade correspondente. As candidaturas poderán ser presentadas polas institucións e entidades culturais ou profesionais, públicas ou privadas, relacionadas co obxecto de cada premio, sen que os candidatos poidan postularse a si mesmos.
O xurado para o ano 2011 estará formado por un máximo de 12 membros. O presidente será o conselleiro de Cultura e Turismo. Serán vogais o presidente do Consello da Cultura Galega, os tres reitores das universidades galegas, o presidente da Real Academia Galega, a presidenta da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, o director xeral do Libro e catro profesionais de recoñecido prestixio, designados pola Consellería de Cultura e Turismo. A decisión do xurado resolvendo o outorgamento dos premios farase pública a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería de Cultura e Turismo.