A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) quere saír ao paso de manifestacións monolíticas expresadas por organizacións colexiais e profesionais respecto á nova Lei de Eutanasia, que deixan un resaibo de falta de representatividade por parte do variado mundo dos médicos.
Non queremos caer na mesma estratexia que refugamos: falar da eutanasia tanto desde un rexeitamento absoluto como desde unha adhesión inquebrantable non ten ningún sentido. Temas tan sensibles e emocionais que teñen que ver cos nosos máis íntimos valores e crenzas, non son para pontificar, e cada un terá a súa respectable opinión e non debemos crernos en posesión da verdade.
Pero algo que si debemos aclarar, porque nos incumbe profesionalmente, é a delimitación e diferenza entre os coidados paliativos, que debemos sempre procurar ante unha enfermidade terminal sen expectativa terapéutica posible, e o espiñento tema da eutanasia, que non ten que darse necesariamente nun enfermo terminal ou cun sufrimento insoportable. Trátase dunha decisión de acabar cunha vida que non se desexa continuar, por unha situación persoal meditada, dura e insoportable.
Gústanos definirnos como comprometidos coas persoas, que é un desexo e compromiso fácil de entender e menos suxeito a variacións que a defensa da vida, como concepto máis etéreo. Como, se non, entendemos a desconexión do soporte mecánico nunha UCI dunha vida sen ningún tipo de viabilidade? Como, da mesma maneira, critícase sen ningún tipo de resquemor o encarnizamento terapéutico? E? este compromiso coas persoas o que nos leva a defender as decisións duras, que pode tomar unha persoa para tratar de acabar cunha vida coa que non quere continuar.
Debemos aceptar esa situación e expresar a nosa solidariedade e comprensión ante a dor dunha decisión sentida, madurada e irreversible. Sen paternalismo, sen infantilizar nin considerar frívola unha cuestión tan difícil. Da mesma maneira, a nosa comprensión e solidariedade con aquel médico cuxo compromiso coas persoas lévalle a asumir unha axuda profesional para facer ese tránsito máis levadío e humano. Despenalizar significa non engadir máis pena a algo que xa comporta a suficiente carga de dor. Apostamos máis pola empatía, a solidariedade e a comprensión, emocións coas que nos sentimos mais cómodos neste difícil debate.
Agamfec