El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA

O PSdeG presentan mocións nos concellos

24-11-2017 16:51:47

O secretario de Política Municipal do PSdeG-PSOE, Iván Puentes, anunciou hoxe a presentación nos concellos galegos dunha moción para reclamarlle ao goberno central que lles permita dispor dos orzamentos necesarios para prestar os servizos que teñen encomendados.    

O responsable socialista reivindicou a revisión da regra de gasto, do destino do superávit, a débeda pública e as taxas de reposición de empregados públicos cos que o Executivo central está a “asfixiar” ás entidades locais. Estas, sinalou, reduciron o gasto computable no 1,2%, teñen hoxe un superávit de 6.847 millóns -a única administración sen déficit-, e cumpren co obxectivo de débeda pública imposto polo Executivo.    

Aínda así, engadiu, “o Ministro Montoro segue a castigar economicamente aos concellos, tratando ademais por igual a quen cumpriu coas súas obrigas e ten as contas saneadas e a quen se endebedou ata a irresponsabilidade, o que se traduce na imposibilidade de prestar servizos axeitados á cidadanía”.     

Resumiu que os concellos pídenlle ao goberno “flexibilidade” por que “queren reinvertir o superávit no que é urxente e importante para os seus veciños”. Sinalou ás necesidades en “infraestruturas, plans de emprego, políticas sociais e educativas, programas de igualdade, proxectos de sostenibilidade ou recuperar as plantillas para prestar os mellores servizos municipais”.    

Considera “inaprazable” contar con “municipios fortes, con capacidade de decisión e con recursos acaídos para responder ás demandas cidadás” amparados por un “sistema de financiamento estable e suficiente”. Lembra que o estrito control e económico do Goberno foi “na dirección contraria”, deixándoos “sen posibilidades de mellorar os servizos de benestar, crear novo emprego ou prestar os servizos de proximidade encomendados”.    

Puentes sinala que as Corporacións Locais non poden utilizar o superávit en gasto corrente, son discriminados con relación ao Estado e as comunidades autónomas, que non teñen un límite de débeda parecido, e non poden contratar empregados públicos.   


Moción

Por iso, os socialistas presentan ao longo do día de hoxe nos diferentes concellos galegos unha moción para pedirlle ao Goberno central a revisión e adecuación da regra de gasto ás necesidades dos servizos públicos dos concellos e permitirlles que destinen o superávit a promover servizos públicos.    

Tamén reclaman flexibilizar as actuais restricións á concertación de operacións de endebedamento e modificar a taxa de reposición de empregados públicos, elevándoa ao 150 por cento nos servizos de interese prioritario e ao 100 por 100 no resto de servizos municipais, de xeito que se podan ir recuperando os empregos perdidos nos últimos anos na administración local.


Violencia de Xénero

Doutra banda e con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero que se celebra o 25N, o PSdeG amosa o seu compromiso e prioridade nesta cuestión e presentará a nivel local mocións contra a violencia que se exerce cara as mulleres. Os socialistas consideramos que para contribuír a erradicar a violencia de xénero precísanse medidas políticas e institucionais  que aborden o problema de maneira integral para erradicalo e sexan capaces de dar resposta ás  necesidades específicas das mulleres vítimas  e ás das súas fillas e fillos.   

O PSdeG sostén que a loita contra a violencia de xénero ten que ser un compromiso activo día a día, porque  para erradicar  a violencia requírese o compromiso individual e colectivo durante todos  os días do ano, por este motivo desexamos que todos os partidos políticos apoien esta iniciativa local.   

Os socialistas/as solicitamos ao Goberno de España o cumprimento do compromiso económico acordado no Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero, ao obxecto de destinar vía transferencia aos Concellos, un incremento anual de 20 millóns de euros durante os próximos 5 exercicios.   

Ao longo deste mes os portavoces do PSdeG nos concellos presentan mocións para solicitarlle ao Estado ese compromiso económico e a devolución de competencias ás entidades locais, posto que consideramos fundamental a función que deben realizar os concellos na prevención e atención ás vítimas de violencia de xénero e por elo, entendemos necesario dotar de novo aos concellos de competencias e partidas económicas axeitadas.   

“As administracións locais son tamén unha peza importante para loitar contra a lacra da violencia de xénero. Os concellos deben ter todos os instrumentos necesarios para traballar na prevención así como na atención a través de información, asesoramento, protección, apoio e acompañamento ás  mulleres vítimas e ás súas fillas e fillos”, afirma Icía García, Vicesecretaria Xeral de Igualdade do PSdeG. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias