El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

VIOLENCIA DE XÉNERO

A Xunta impulsa en 120 concellos actividades en materia de igualdade e loita contra a violencia de xénero

25-11-2017 15:35:30
Concentración no Pazo de María Pita (A Coruña).

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, informou hoxe de que un total de 120 concellos están sendo beneficiarios -entre finais deste ano e principios do que vén- das actividades gratuítas en materia de promoción da igualdade que oferta a Xunta, de xeito gratuíto, no marco da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero.López Abella visitou unha destas actividades, o curso de defensa persoal e autocapacidades que se celebrou hoxe en Chantada e que chegará a un total de 25 concellos. Esta actividade impártese en colaboración coa Federación Galega de Loita.

Ademais destes cursos de defensa persoal, a Administración autonómica oferta aos concellos que forman parte da Rede obradoiros educativos, exposicións e actividades de concienciación, charlas informativas, ou programas de asesoramento e terapia familiar con nenos e nenas que teñan sufrido directa ou indirectamente a violencia de xénero.

A violencia de xénero é a manifestación máis cruel e inhumana da secular desigualdade existente entre mulleres e homes no mundo, e prodúcese con independencia do nivel social, cultural ou económico.

Todas as sociedades patriarcais discriminaron historicamente ás mulleres, relegándoas a un papel secundario, xeralmente vinculado ao seu rol de nais, educadoras e coidadoras. Como xa indicou a "Declaración sobre a eliminación da violencia contra a muller" de Nacións Unidas, o uso da violencia convértese nun mecanismo fundamental para forzar á muller a unha situación de subordinación respecto do home.

Combater todo acto de violencia baseado na pertenza ao sexo feminino que teña ou poida ter como resultado un dano ou sufrimento físico, sexual, psicolóxico ou prexuízo económico para a muller, tanto na vida pública como na vida privada, debe ser unha cuestión de Estado, xa que a violencia contra a muller constitúe unha violación dos dereitos humanos e as liberdades fundamentais.

Así o 28 de setembro de 2017, aprobouse o primeiro Pacto de Estado en materia de Violencia de Xénero ante a necesidade urxente dun consenso institucional, político e social que mostre, sen fisuras, o compromiso de todas as institucións coa sociedade española, para alcanzar os acordos que permitan avanzar na erradicación da violencia contra as mulleres.

Nel incluíronse as achegas aprobadas non Parlamento de Galicia por unanimidade de todos vos grupos políticos e presentadas na Comisión Xeral das CC.AA no Senado o 9 de marzo de 2017, un documento de consenso, que representa o sentir de todos os galegos e galegas, onde a unidade e o consenso son fundamentais e imprescindibles para poder ter éxito na loita contra esta secuela social.


O Pacto de Estado articula as súas recomendacións conforme aos seguintes eixos de actuación:

1. A sensibilización e a prevención.

2. A mellora da resposta institucional.

3. O perfeccionamento da asistencia, axuda e a protección ás vítimas.

4. A asistencia e a protección dos menores.

5. O impulso á formación dos distintos axentes.

6. O seguimento estatístico

7. As recomendacións ás Administracións Públicas e outras institucións.

8. A visualización e atención doutras formas de violencia contra as mulleres.

9. O compromiso económico.

A eliminación da violencia contra as mulleres é un reto de toda a sociedade. Unha tarefa conxunta, que require unha actuación unitaria e a máxima coordinación, colaboración e cooperación, sempre desde o respecto ao réxime de distribución competencial, nas accións que se desenvolven.

Así tamén no Pleno do Observatorio Galego contra a Violencia de Xénero celebrado o 10 de xullo de 2017, se aprobaba o Protocolo de coordinación e cooperación institucional fronte á violencia de xénero, con propostas para sensibilizar en violencia de xénero, incluíndo tamén protocolos de actuación en todos os ámbitos, dende o educativo, ao sanitario, o xurídico, o policial e o social.

E iso porque o traballo que se realiza para conseguir maior eficacia na loita contra a violencia machista implica a multitude de axentes, tanto públicos como privados. Tamén ás diversas actuacións que se desenvolven, desde moi distintos ámbitos profesionais, reclaman coordinación para avanzar nun traballo transversal e integral na resposta ás vítimas.

As Administracións públicas e a sociedade no seu conxunto, debemos persistir na busca de solución eficaces para a protección das vítimas, a persecución dos autores, pero sobre todo na prevención deste delito que ano a ano nos avergoña como sociedade.  





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias