Galicia acolle o vindeiro martes as Xornadas de Cartografía das Comunidades autónomas co fin de analizar a innovación tecnolóxica ao servizo da información xeográfica. Deste xeito, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través do Instituto de Estudos do Territorio, convoca a varios expertos a unha xornada co fin de abordar os últimos avances para incrementar a calidade do material cartográfico, así como as melloras realizadas para facilitar o acceso da cidadanía a este tipo de contidos.
Neste senso, a director xeral do IET, Inés Santé, presentará o Regulamento de Ordenación da Información Xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia como un dos principais avances para achegar esta información aos cidadáns. Cómpre salientar que este novo marco normativo foi aprobado polo Consello da Xunta este mesmo ano co obxectivo, precisamente, de asegurar a dispoñibilidade pública e actualización dos datos xeográficos de referencia e optimizar a calidade da produción cartográfica oficial e a súa utilidade como servizo ao público, facilitando o acceso á información xeográfica.
Ademais, durante este xornada debaterase sobre as liñas estratéxicas para o desenvolvemento do Sistema Cartográfico Nacional, realizado conxuntamente entre as Comunidades Autónomas e a Administración Xeral do Estado a través do Instituto Xeográfico Nacional, como modo de traballo coordinado e de colaboración para a optimización dos recursos e medios públicos.
Por outra banda, tratarán as novidades no emprego dos datos LIDAR (laser aéreo) de alta resolución, o uso das bases topográficas urbanas, as estratexias no mantemento de rueiros e metodoloxías na obtención de información básica como redes de transportes, redes hidrográficas e poboación.
Cómpre sinalar que a importancia da información xeográfica radica, entre outros, no seu valor social, xa que é imprescindible para o deseño das diferentes políticas sectoriais, isto é, medio ambiente, agricultura, transporte, desenvolvemento rexional, etc. Ademais, é fundamental para o proxecto global de sociedade da información e, polo tanto, para apoiar o desenvolvemento dunha sociedade baseada na xeración e uso de coñecemento, produtos e servizos baseados na información, e deste xeito propulsar o crecemento económico e a competitividade.