Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Sida o vindeiro día 1 de novembro, a Consellería de Sanidade publica o Informe VIH-sida e outras ITS en Galicia 2017 no que se destaca que nos últimos catro anos estase a apreciar unha tendencia á diminución da incidencia de VIH en Galicia pasando de 81 a 44 casos ao ano por millón de habitantes en 2016.
O informe destaca así mesmo que Galicia acumula 4.213 casos de sida dende que en 1984 diagnosticouse o primeiro caso. En relación ao período 2004-2016, os datos en presentan unha incidencia de infección polo VIH de 69,5 casos ao ano por millón de habitantes, o que nos sitúa por debaixo da incidencia anual española que é de 99 infeccións. Neste período producíronse en Galicia un total de 3.040 mortes polo VIH.
As provincias da Coruña e Pontevedra son as zonas con maior incidencia de infección polo VIH de Galicia. Ourense ten unha incidencia intermedia e Lugo é a de menor incidencia.
No patrón epidemiolóxico da transmisión do virus predomina claramente a vía sexual, así no 77% dos casos o contaxio produciuse a causa das relacións sexuais non protexidas (39,9% por relacións entre homes que teñen relacións sexuais con outros homes -HSH- e 37,5 % heterosexual), e as infeccións por compartir material de inxección entre os usuarios de drogas inxectables supón o 17% dos casos rexistrados de nova infección.
Importancia do diagnóstico previo
Cómpre lembrarlle á poboación galega que unha quinta parte da poboación infectada polo VIH non sabe que está infectada, e pode estar transmitindo a infección a outras persoas se teñen prácticas sexuais non seguras. Ao longo do período e sen variacións anuais significativas, o 49 % dos novos diagnósticos de infección presentan diagnóstico tardío. Estes datos resaltan a necesidade de seguir impulsando actividades para conseguir mellorar o diagnóstico precoz entre a poboación e os profesionais sanitarios, cuestión que é prioritaria para obter o máximo beneficio, individual e colectivo, dos avances na prevención e o tratamento da infección polo VIH.
Dende o ano 2009 invístense máis de 50 millóns de euros anuais na atención de pacientes galegos infectados polo VIH, dos cales o 60 % son gastos en fármacos antirretrovirais. En 2016, había 5.451 persoas a tratamento antirretroviral e o gasto en antirretrovirais ascendeu a 34.562.477 €.
Unha das campañas preventivas máis importantes no fomento do diagnóstico precoz do VIH en Galicia é o programa de probas rápidas. Estas probas empregan unha mostra de saliva, son gratuítas, anónimas e están accesibles á comunidade a través de entidades colaboradoras situadas nas catro provincias galegas. Dende o comezo deste programa en 2011, fixéronse 4.694 probas rápidas de VIH, das cales 73 (1,6%) foron positivas.
Prevención segue a ser a estratexia fundamental
En ausencia dunha vacina preventiva e de tratamento curativo, a prevención segue a ser a estratexia fundamental de control da epidemia da infección polo VIH e a sida. Dado que as relacións sexuais non seguras son a principal vía de transmisión do virus na nosa contorna, as campañas preventivas neste eido acadan unha especial relevancia.
Son varias as campañas preventivas da Consellería de Sanidade que promoven o sexo seguro na nosa Comunidade. Entre elas, inclúense as campañas de difusión de mensaxes preventivas a través de redes sociais como Sex Invaders (Facebook e Instagram) e de Wapo que é unha app de contactos entre homes. Atópanse ademais, o Programa de promoción do preservativo que distribúe gratuitamente este material a través de entidades colaboradoras e o programa Xente con Don, iniciado no curso 2016-2017, e que se ofertou aos centros de ensinanza secundaria e de formación profesional de Galicia.
Outros programas exitosos na prevención do VIH e que se seguen a desenvolver na actualidade son o Programa de intercambio gratuíto de xiringas e o Programa de venta subvencionada de kits de inxección hixiénica que reduciron dun xeito importante a aparición de novos casos de VIH asociados á vía de compartir material de inxección de drogas.
En novembro deste ano, a Consellería de Sanidade publicou a segunda convocatoria dos premios de investigación sobre VIH e outras ITS. Estes premios están dotados dun importe de 3.000 € e 1.500 € para o primeiro e segundo premio respectivamente. Para optar a estes premios, os traballos teñen que estar publicados nunha revista científica en 2016. Os premios entregaranse mañá nun acto público na Consellería de Sanidade, no que tamén se presentará o documento Recomendacións para o diagnóstico precoz do VIH en Galicia 2017, dirixido aos profesionais de atención primaria.