O volume de tráfico de mercadorías nos 122 portos de titularidade autonómica dende o 1 de xaneiro ao 30 de outubro de 2017 foi de 1.405.000 toneladas, unha cifra que supón un incremento de 14.500 toneladas en termos netos e de máis do 1% en termos porcentuais respecto ao ano anterior. Así se recolle no último informe de xestión elaborado por Portos de Galicia co peche do mes pasado.
Os peiraos con maior volume de tráfico de mercadorías foron, respectivamente: Cariño, con 439.000 toneladas; Ribadeo, con 411.000 toneladas; e Cee, 309.000 toneladas. Cómpre facer especial mención ao caso de Ribadeo, que rexistrou nos 10 primeiros meses do ano un incremento de case o 7% respecto ao ano anterior.
Respecto á descarga de pesca fresca, nos peiraos dependentes da Xunta de Galicia descargáronse ata o 30 de outubro 102.000 toneladas de peixe. Esta cifra supuxo un importe total da venda en lonxa de máis de 240 millóns de euros, un 6% máis que no mesmo período de 2016. Os peiraos con maior volume de descarga de pesca fresca foron: Ribeira, con 32.000 toneladas; Burela, con 19.000 toneladas, e Celeiro, con 14.000 toneladas.