El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

POLÍTICA | PPdeG

Tellado: "A Caballero só lle faltaba culpar a Feijóo de que non chovese, e xa o fixo"

01-12-2017 20:22:51
Miguel Tellado.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, amosou hoxe a súa preocupación pola delicada situación que está deixando a seca na nosa Comunidade, cuestionando a actitude dos que intentan enfrontarse á Administración autonómica para tapar as carencias da súa xestión. “Ao tándem Abel Caballero-Carmela Silva o único mal do que lles quedaba por culpar a Alberto Núñez Feijóo era de que non chovese, e esta semana xa o fixeron”, aseverou.   

Para Tellado, Caballero demostrou durante os últimos nove anos como alcalde non ter máis discurso nin programa que o de ir contra a Xunta en todo e, “como están máis centrados en organizarlle escraches á oposición e nas súas prácticas camorristas que en atender os problemas do día a día dos seus veciños, a súa única saída é inventarse un inimigo externo”.   
Nese senso, reflexionou sobre como certos discursos simplistas en política é fácil que se volvan contra quen os utiliza. Igual que o nacionalismo catalán, Caballero leva moito tempo enarborando unha estratexia de confrontación baixo o lema de "Galicia nos roba" contra a Xunta, que agora en Ponte Caldelas usan como "Vigo nos roba", polo que Tellado fixo un chamamento para  que as distintas administracións vaian sempre da man e se axuden a superar os momentos de dificultade.   

Así mesmo e, malia que a competencia en materia de augas é municipal, desde o Partido Popular de Galicia “vemos dun xeito moi positivo que a Administración autonómica tendese a súa man aos concellos galegos, especialmente aos que teñen ameazas de restricións inminentes”, dixo o número dous dos populares galegos.   

Tellado tamén salientou que mentres a meteoroloxía non poña remedio á problemática que estamos a vivir, “consideramos que é unha obriga de todas as administracións poñer da nosa parte para conseguir, dunha banda, paliar os posibles efectos desta seca en concreto e minimizar as molestias que isto lle cree aos galegos; e da outra, prepararnos mellor para futuros incidentes e fortalecer o noso sistema para un mellor aproveitamento dos nosos recursos hídricos”.   

“Como Partido Popular de Galicia, entendemos que os problemas deben afrontarse con cooperación entre gobernos e solidariedade entre os galegos,  por iso tamén nos gustaría que entre socialistas arranxasen as súas disputas internas e entre Vigo e Ponte Caldelas poidan chegar a un acordo para que entre todos poidamos buscar solucións a este problema”, remarcou.


Congresos provinciais 

Por outra banda, Tellado tamén se referiu aos congresos provinciais do PSdeG, propoñendo como eslogan ás provincias que aínda non o teñan: "¿Qué hay de lo mío?". E é que tal e como indicou, as primarias autonómicas dos socialistas galegos xa avanzaron moi ben o que ía ser o novo socialismo galego, “que é basicamente o mesmo de antes: loitas de familias e pactos polo carguiño”.   

Esta situación, como manifestou o secretario xeral do PPdeG, xa se viu en todas as provincias: na Coruña seis precandidatos reuníronse para conspirar contra o presidente da Deputación e algún acabouse integrando con el; en Pontevedra un dos que apoiou a Gonzalo Caballero acaba na lista dos que van con Abel Caballero e contra o seu secretario xeral; en Lugo Besteiro quere controlar o partido desde a sala de espera dos xulgados; e en Ourense volve Pachi Vázquez presentándose contra os que sempre foran Pachistas. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias