O secretario
xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, presidiu a Comisión Interparlamentaria
que reuniu hoxe en Compostela aos representantes dos socialistas galegos na
Cámara autonómica, Congreso, Senado e Parlamento europeo. A xuntanza deu inicio
á configuración dunha “folla de ruta” para configurar unha alternativa que lle
dea “voz ás demandas de cambio dende as políticas progresistas”.
Anunciou unha
axenda de encontros regulares que terán continuidade no mes de xaneiro para
terminar de perfilar a liña de actuación neste “novo tempo político” para os
socialistas galegos. Os parlamentarios e senadores presentaron, explicou, as
liñas centrais de debate nos seus órganos, como son a dinámica económica,
orzamentos, gobernanza, financiamento autonómico ou políticas de emprego.
O líder dos
socialistas galegos anunciou un proxecto alternativo a un PP que “carece de
estratexia e de acción política de fondo para os galegos e galegas”. Acusou ao
presidente da Xunta de demostrar “moita propaganda e presenza pública pero
moita mais ineficacia e ineficiencia” na xestión das políticas públicas da súa
competencia, que teñen debilitado a posición social, económica e demográfica de
Galicia.
Advertiu que a
“mestura de poder entre Mariano Rajoy e Núñez Feijóo en temas fundamentais como
as infraestruturas teñen demostrado unha axenda esquecida e perdida”. Aludiu
neste sentido á exclusión de Galicia da conexión da rede noroeste de tráfico de
mercadorías por ferrocarril con Europa, na que si se atopan Portugal e o País
Vasco.
Financiamento
Asignoulles un
“balance negativo” aos gobernos da dereita por canto “incumpren o seu
compromiso de presentar antes de finais de ano un modelo de financiamento
autonómico máis xusto, máis solidario e máis axustado ao novo tempo”. Adiantou
unha nova xornada de traballo do PSdeG en dúas semanas para perfilar “o
financiamento xusto que a Galicia do futuro necesita, e que Feijóo e Rajoy
están esquecendo”.
Esta é, dixo, a
situación de Galicia nun contexto estatal no que o PSOE está a demostrar un
“novo ciclo político de recuperación e ascenso” para situarse como alternativa
ao goberno de Rajoy. Advertiu que os socialistas están a demostrar unha
posición fortalecida logo da crise económica e social.
Sinalou a
posición do partido diante da situación de Cataluña, na que foi quen de
garantir a defensa do Estado de Dereito e do cumprimento das normas
democráticas coa alternativa e as críticas ao goberno do PP. Departamento de comunicación