El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

O LUNS

Encontro entre os presidentes de Galicia, Asturias e Castela e León

03-12-2017 12:32:58

O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, manterá o luns un encontro de traballo cos seus homólogos de Asturias e Castela e León —Javier Fernández e Juan Vicente Herrera. O obxectivo inicial, acordado tras a vaga de lumes de outubro, é abordar conxuntamente medidas de prevención e loita contra unha lacra, a dos incendios forestais, que afecta as tres comunidades. Ademais, os tres presidentes tratarán dous asuntos dunha importancia capital para o presente e o futuro do Estado das Autonomías no seu conxunto: o financiamento autonómico e a dinámica demográfica.

Á reunión, que se celebrará en Oviedo, tamén asistirán os conselleiros de Presidencia das tres comunidades autónomas: Alfonso Rueda, Guillermo Martínez, e José Antonio de Santiago-Juárez.

Con este encontro, as tres comunidades autónomas do noroeste peninsular afondan nas relacións de cooperación territorial, que xa son fluídas e se desenvolven en marcos como a Macrorrexión de rexións do suroeste europeo (RESOE) ou o Foro Español de Rexións con Desafíos Demográficos (FREDD), do que Galicia, Asturias e Castela e León son socios fundadores.

Con respecto á loita contra os incendios e os incendiarios, as tres comunidades explorarán a posibilidade de implantar medidas coordinadas. Os mandatarios autonómicos tamén abordarán a necesidade de impulsar un novo modelo de financiamento autonómico que garanta que se dispoña dos recursos para soster o custo efectivo dos servizos públicos tanto no presente como no futuro, tal e como se acordou na última Conferencia de Presidentes; así como a promoción medidas para facer fronte ao reto demográfico.

Cómpre recordar que Galicia, Asturias e Castela e León xa teñen establecido liñas concretas de colaboración a tres bandas en defensa dos seus intereses comúns, como quedou reflectido o pasado mes de outubro coa sinatura dunha declaración institucional para demandar a integración do noroeste no Corredor Atlántico de Transporte de Mercadorías.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias