O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, sostivo hoxe que a revisión do modelo de financiamento ou a reforma constitucional, “sabendo que son dous asuntos de tanta importancia”, deben decidirse non con base nos intereses dun ou de 17 territorios, senón “con base nos intereses dos 47 millóns de españois que somos hoxe e tamén dos que nos sucederán”.
Deste xeito, destacou a necesidade de non volver caer nesa tendencia narcisista, que non pensa nin con visión de conxunto nin con visión de futuro, recordando que moitos dos problemas que sofre o país veñen dela: a crise económica, o crecemento do populismo e a deriva independentista.
Así mesmo, salientou que quen antes sofren as consecuencias de todo isto, as primeiras vítimas, son os cidadáns: “Os que primeiro padeceron as consecuencias da crise que se lles ocultou durante máis de dous anos; os que primeiro se están decepcionando ao descubrir que as receitas máxicas que prometeu o populismo sinxelamente non existen; e os que primeiro están a pagar a elevadísima factura do independentismo”, dixo, resaltando a necesidade de enfrontar aos cidadáns cos seus problemas colectivos, en lugar de escondelos ou disimulalos.
Durante a presentación esta mañá de Pedro Puy no almorzo informativo organizado por Nueva Economía Fórum-Tribuna Galicia, Feijóo destacou a súa vocación de servizo público, presente desde o inicio da súa traxectoria profesional “e, especialmente, importante para Galicia nunha época na cal facían falta moito máis de dous telexornais para falar con propiedade de cousas como a estabilidade orzamentaria, as regras de gasto, o fondo de liquidez ou as reformas do financiamento autonómico”.
“Estamos a falar dun home impermeable ao sectarismo, capaz de relacionarse e de aprender de todos os pensamentos”, asegurou, agradecendo todas as súas achegas. Co obxectivo de acertar na xestión do interese xeral, o responsable do Goberno galego fixo fincapé na necesidade de apostar por unha política que pense máis aló do día de mañá, afastada de análises superficiais e de réditos inmediatos.
Feijóo concluíu insistindo na idea de perfeccionar sempre que se poida os instrumentos de convivencia, pero rexeitando que se faga a conta de cuestionar no seu conxunto o modelo actual, “e moito máis sen que se acorden certas regras básicas dentro de calquera nación que respecte por igual a todos os cidadáns”.