El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Economí­a

Galicia e Portugal únense para reforzar o crecemento económico e xerar emprego de calidade

16-12-2017 17:12:29

Viana do Castelo.- O director do Igape, Juan Cividanes, destacou hoxe, no II Encontro dos investidores da diáspora, que Galicia e Portugal deben colaborar, desde a complementariedade, para facerse mutuamente máis fortes potenciando sinerxías e sacando o mellor partido das respectivas fortalezas.

Despois de recoñecer o importante papel que está a desenvolver Portugal a favor da recuperación económica e a cohesión social, tamén desde a Comisión Europea onde ocupa cargos de relevancia, o director do Igape salientou a forte aposta da Xunta por favorecer a incorporación de novos investimentos na Comunidade Autónoma, mediante novos instrumentos como a Lei de implantación empresarial.

Cividanes destacou que Galicia dispón de modernas infraestruturas de transportes e comunicacións, amplas dotacións de solo industrial, centros tecnolóxicos punteiros e man de obra cualificada, con potencial para acoller investimentos innovadores e tecnolóxicos, novos proxectos empresariais xeradores de emprego de calidade, para consolidar saldos migratorios que están a ser positivos, especialmente entre os mozos de ata 34 anos.

Segundo sinalou, Portugal é para Galicia un dos principais socios comerciais, o segundo mercado tanto en importacións como en exportacións. Cividanes apuntou, ao respecto, que exportan a Portugal cerca de 1.300 empresas galegas, das que case 900 faino de xeito regular, e de forma continuada durante os últimos catro anos.

O director do Igape, ademais, durante a súa intervención, na mesa redonda que compartiu con representantes dos gobernos rexionais de Açores e Madeira, subliñou a importancia da colaboración de todos os axentes potenciais, tanto institucionais como empresariais, dentro e fóra de Galicia, para reforzar a actividade económica, xerar emprego de calidade e incrementar as exportacións cara a mercados exteriores.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias