A Xunta, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) e da Escola Galega do Consumo, está a desenvolver un ano máis o seu programa InfoNadalConsumo, para informar e asesorar sobre o consumo responsable e as compras no Nadal.
A iniciativa consiste na realización de obradoiros e charlas participativas sobre distintos aspectos relacionados co consumo responsable en xeral e coas compras propias do Nadal e está dirixido a todos os sectores da poboación, pero está especialmente orientado ao alumnado dos centros educativos, dende infantil e primaria ata educación secundaria e bacharelato.
A través destes obradoiros e charlas participativas o alumnado traballa distintos aspectos relacionados co consumo de bens e servizos como os consellos a ter en conta antes, durante e despois de realizar calquera compra, a información que está presente nas etiquetas dos produtos, a clasificación dos videoxogos a través do denominado Código PEGI, como facer compras seguras a través da internet ou cales son os dereitos das persoas consumidoras, ao mesmo tempo que reflexiona sobre os hábitos de consumo da sociedade actual, como a influencia da publicidade e das marcas na toma de decisións de consumo, que é especialmente importante na época do Nadal.
O IGCC prevé que unhas 5.000 persoas, entre alumnado dos centros educativos, asociacións de nais e pais de alumnos, concellos e asociacións de persoas consumidoras espalladas por todo o territorio da Comunidade Autónoma participarán nas máis de 250 actividades formativas que se desenvolverán no marco deste programa, que arrincou a finais do mes de novembro e que continuará ata o 29 de decembro deste ano.