O portavoz
do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, criticou hoxe os Orzamentos da
Xunta, “carentes de ambición” e que demostran “escasa aposta polo futuro”. Así
o dixo no debate final en Pleno das contas para 2018, que foron aprobadas co
voto en contra dos socialistas galegos e sen aprobar ningunha emenda das 445
presentadas polos socialistas galegos ao Estado de Gastos e apenas catro das 68
ao articulado.
Criticou uns
orzamentos “incapaces de restañar os desequilibrios sociais agravados pola
crise” e que “máis ben ao contrario, fan máis fondo o desequilibro” debido a
unha política de ingresos “pouco ambiciosa”. Criticou que “teñamos a presión
Lituania e pretendan situar o gasto público a niveis de Suecia ou Finlandia”,
polo que reclamou afondar na carga fiscal para as maiores fortunas, as empresas
contaminantes ou centros comerciais.
O
responsable socialista reclamou “recompoñer o contrato social” atacando á
desigualdade a través de políticas de impulso da economía e da creación de
emprego de calidade. Urxiu a “facer posible que a eficiencia do mercado sexa
compatible cunha maior integración social e coa capacidade de preparar o
futuro”.
Fernández
Leiceaga acusou así ao goberno galego de presentar uns orzamentos “só válidos
para unha política de propaganda, para provocar un efecto placebo, pero que non actúan de verdade sobre os problemas
de Galicia”.
Criticou así
a situación na que teñen situado á sanidade e á educación, reducindo os cadros
de persoal e disparando a precariedade, “dificultando o funcionamento” destes
servizos públicos, mentres convocan unha OPE “demasiado tardía” e insuficiente.
O portavoz socialista dixo que “non é posible unha educación de primeira con
salarios de segunda nin unha sanidade de primeira con condicións de terceira.
Advertiu que
o PP ten rexeitado en bloque tódalas propostas socialistas dirixidas a
“apuntalar o investimento en centros de saúde, equipamentos educativos,
saneamento e algunhas infraestruturas para impulsar a competitividade”. O
portavoz socialista explicou que “existen necesidades de investimento claras
que non se poden cubrir porque non fan o esforzo necesario en materia de
ingresos”.
Execución
Fernández
Leiceaga reclamou “algunha indicación para que poidamos crer que fan unha
proposta solvente” de Orzamentos, que están a ser lastrados cada exercicio por
unha execución orzamentaria mínima en aspectos fundamentais. Sinalou así a
execución das partidas de I+D+i, a un 0,8 por cento en setembro, e as baixas
cifras das partidas de emprego, desenvolvemento rural ou desenvolvemento
sostible de zonas de pesca.
Criticou así
que anuncien incrementos orzamentarios cando “despois non executan” as partidas
destinadas por exemplo dos programas para emprego. Lamentou o desleixo cando
hai 60.000 fogares nos que non traballa ninguén, 33.000 sen ingresos, 95.000
parados de longa duración, un 9 por cento de nenos e nenas vivindo en fogares sen
traballo e Galicia continúa rexistrando 2.000 desafiuzamentos cada ano.
Ademais, a
creación de emprego resulta insuficiente para recuperar o ritmo co resto do
Estado, máxime cando aumenta o traballo precario e axuste salarial tradúcese en
máis beneficios empresariais pero ningún investimento novo.
Lamentou a
“ineficacia” demostrada pola Xunta á hora de aproveitar a recuperación
económica, cuns niveis de execución da I+D+i “preocupantes”, o Igape permanece
parado e o desemprego xuvenil alcanza o récord do 33 por cento.
Mentres,
advertiu, “Feijóo renuncia a utilizar a débeda que tería autorizada, baixa os
impostos sen que iso se traduza nun efecto sobre o crecemento económico e
renuncia a criticar a Montoro” na xestión dos mecanismos extraordinarios de financiamento
das comunidades autónomas, que discriminan a Galicia. Este mesmo presidente,
preguntou, “é o mesmo que se vai presentar diante dos seus colegas dicindo que
necesita máis”.
Articulado
O portavoz
de Economía do Grupo Socialista, Abel Losada, defendeu hoxe as 62 emendas
presentadas polos socialistas ao articulado da Lei de Orzamentos, das que foron
incorporadas dúas, para habilitar o incremento das bolsas de estudos, e outras
dúas transaccionadas co PP, para mellorar as axudas aos afectados polos
incendios e para que os entes instrumentais informen ao Parlamento dos seus
orzamentos.
As propostas
socialistas, explicou, céntranse na defensa dos servizos públicos e dos seus
traballadores, incrementar o control sobre a Administración e a transparencia
das súas actuacións, impulsar a actividade económica e o reforzo da autonomía
dos concellos.
Losada
criticou que o PP defenda “de boquilla” os servizos públicos mentres reduce os
dereitos dos profesionais, e diga apostar polo municipalismo mentres carga aos
concellos de obrigas e reduce os seus recursos, co que “a Xunta invita, os
alcaldes pagan”. Departamento de comunicación