O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na rolda de prensa do Consello a aprobación, un ano máis, do complemento autonómico extraordinario de 206 euros para as preto de 40.000 persoas que perciben pensións non contributivas, do Fondo de asistencia social ou do subsidio de garantía de ingresos mínimos.
Esta axuda ingresarase de oficio a todos os beneficiarios que reúnan os requisitos, sen que teñan que efectuar unha solicitude nin levar a cabo ningún trámite adicional. A Xunta investirá neste complemento case 8,2 millóns de euros.
Galicia é unha das poucas comunidades que mantén esta axuda e unha das que destina unha das contías máis elevadas. Feijóo precisou que este complemento, que xa está incluído nos orzamentos de 2018, será aboado nun pagamento único nos primeiros dez días do mes de xaneiro.