O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado,
afirmou hoxe que esta formación política se sinte plenamente identificada nas
verbas pronunciadas onte pola Súa Maxestade El Rei. Así, considerou que Felipe
IV acertou na diagnose da actual situación do país e tamén no tratamento que
debería seguir para continuar avanzando cara ao futuro.
“A receita aconsellada polo Rei baséase na
solidariedade territorial, na busca da cooperación entre todos para seguir
percorrendo xuntos o camiño que iniciamos hai 40 anos”, afirmou, e engadiu que
o discurso foi valente e responsable.
A modo de exemplo, destacou que o monarca non esqueceu
ningún dos temas que preocupan aos españois, como o desafío soberanista ou a
situación económica que aínda que é cada vez mellor segue a ser motivo de
preocupación para miles de persoas. Tamén puxo en valor outras referencias como
a loita contra novos desafíos como o terrorismo yihadista que este ano puxo a
súa mirada tamén no noso país, así como a violencia de xénero e o cambio
climático.
Tellado valorou que Felipe IV puxera en valor os
logros acadados nos últimos anos e lembrou que todos eles foron conquistas
baseadas nun espírito integrador que foi clave para chegar ata aquí. Así mesmo,
subliñou o recoñecemento do monarca dun país con marxe de mellora pero que
igualmente apostara por non esquecer os nosos logros como pobo.
“Felipe IV representa máis que nunca a todos os
españois cando expresa a súa defensa da Constitución e do noso ordenamento
xurídico”, engadiu, e considerou que “a
equidistancia non é unha opción fronte aos que non dubidan en alterar a
convivencia de todo un país”.
Nesta mesma liña, apuntou que non foi o discurso
onde se poden sentir cómodos os separatistas nin aqueles que se avergoñan da
nosa propia historia recente. “Pero si foi unha intervención na que a inmensa
maioría dos españois poderían subscribir”, resolveu.
Tellado concluíu que o Rei pode contar co PPdeG
na defensa dos principios defendidos onte no seu discurso e ter a completa
seguridade de que “compartimos obxectivos e inquedanzas”.
Neste senso, finalizou asegurando que mentres que
os populares galegos teñan responsabilidade de goberno na Comunidade, Galicia
será un territorio leal e responsable coa Constitución e co Estado das
Autonomías, así como co ordenamento xurídico e todas as institucións do Estado.
“E iso inclúe a Monarquía e ao seu Rei”. Departamento de comunicación