O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, quixo
facer balance hoxe do ano que remata e destacou que 2017 deixa unha Galicia
máis forte e preparada que a de hai 12 meses. O dirixente popular pasou revista
a algúns dos fitos destes 365 días, e destacou dous: a desaparición definitiva
da crise (aínda que non de todos os seus efectos) e a consolidación da
autonomía como un dos territorios de referencia do Estado.
Respecto a primeira idea, Tellado lembrou que o
PIB de Galicia está a crecer por riba do 3% durante os oito últimos trimestres
consecutivos, o que demostra que a recuperación é una evidencia que ven
acompañada, ademais, dun descenso sistemático no número de desempregados, ata
preto de 20.000 menos ao remate de 2017 respecto ao inicio do mesmo.
Estes datos veñen acompañados dos datos de
produción industrial, que medran por riba que no resto de España, e dun aumento
sistemático das exportacións, o que demostra que os produtos galegos son de
calidade e quen de competir cos do resto do mundo. Tamén por recuperacións
evidentes en sectores como o lácteo ou o naval, que volve a ser referente en
España e no mundo.
“Os datos non son froito da casualidade”, dixo
Tellado, “senón de políticas como as da Xunta, que potencia as inversións en
Industria 4.0, en proxectos no ámbito da automoción ou das TIC, que potencia a
súa rede de orientadores laborais, que concede axudas aos autónomos, o que
intensifica a súa axenda exterior en busca de captar inversións e socios
comerciais”.
“Temos seis puntos menos de débeda que o conxunto
do Estado e cun déficit do 0,3% non só podemos presumir duns dos mellores datos
a nivel estatal senón que enfilamos 2018 na senda do equilibrio fiscal”,
lembrou.
Pero os datos económicos non serían nada se non
se traduciran en melloras para a calidade de vida dos galegos. “Por iso
convertemos o aumento da riqueza en menos impostos para o rural, para a
rehabilitación de cascos históricos, e tamén en manter as rebaixas no IRPF, no
imposto de Sucesións”, dixo.
Máis emprego e máis servizos públicos
Ademais, o novo contexto económico “permitiunos
convocar a maior oferta de emprego público dende 2009, con case 3.500 novas
prazas que potenciarán e mellorarán os servizos públicos en Galicia”. “Servizos
como, por exemplo, o referido ás escolas infantís (un 80% máis de prazas que
cando chegamos ao Goberno), a sanidade que seguimos mellorando a través da
redución das listas de espera, ou a educación plurilingüe na que hai máis
inglés e máis tecnoloxías que nunca”, apunta.
“Tamén puidemos ampliar axudas como as
contempladas na Tarxeta Benvida ou mesmo os complementos ás pensións non
contributivas. E todo iso na Comunidade Autónoma onde máis barato é estudar
unha carreira universitaria grazas ás taxas máis baixas de España”, di Tellado.
Neste 2017 “avanzamos nos trámites para construír
máis residencias para maiores, reforzamos a teleasistencia a domicilio e
ampliamos o número de dependentes atendidos”; e todo iso traballando na
vertebración do país e facendo que todos os galegos vivan a menos de 15 minutos
dunha vía de alta capacidade. E o seguimos facendo traballando nas autovías da Costa da Morte, na
Santiago - A Estrada, na do Morrazo, na vía do Norte ou na unión de San Cibrao
coa A-52.
Para Tellado o mérito destas actuacións é do
conxunto da sociedade galega, que con esforzo foi quen de superar os desafíos
da crise e agora pode recoller os
froitos dos seus esforzos.
“Non está todo conseguido, e é certo que os
últimos anos deron ao traste cos sonos de moitos galegos. Por iso é a noso
obriga axudar á sociedade de Galicia a deixar atrás os anos máis duros, e a
facelo sen deixar a ninguén atrás”, dixo.
Pero Tellado lembrou que, máis alá da xestión dos
grandes números e da priorización do gasto público, Galicia tamén aproveitou
este ano 2017 para mostrar ao conxunto do Estado que é compatible ser unha
nacionalidade histórica con ser leal co Estado; e que é compatible ser leal co
Estado e defender os intereses dos seus cidadáns.
Neste 2017 no que algúns tensaron as costuras do
marco constitucional arrogándose unha ficticia supremacía territorial, Galicia
foi un exemplo de serenidade e sentido común. “Nin nos subimos ao carro dos que
aproveitaron para mimetizarse cos independentistas cataláns, nin contribuímos coas
nosas declaracións a tensar unha situación difícil de por si”, lembrou.
“Fomos leais co noso marco de convivencia, pero
si lle dixemos ao Goberno e ao resto de comunidades que non se superará ningún
conflito territorial co diñeiro dos galegos”, dixo, e apuntou que Galicia é un
territorio de referencia no Estado e que terá voz nos principais debates que
terán lugar o ano próximo.
En todo caso, “foi un ano razoablemente bo e que
tentaremos mellorar tanto dende o ámbito autonómico como na configuración dos
nosos equipos de cara a vindeira cita electoral: as municipais de dentro de 18
meses”, rematou. Departamento de comunicación