O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, valorou
hoxe o discurso do presidente da Xunta con motivo deste remate do ano 2017, e
destacou que foi unha intervención valente e optimista. “Feijóo anticipou unha
Galicia protagonista dos grandes debates estatais do novo ano”, apuntou, e puxo
en valor que a voz dos galegos será escoitada á hora de afrontar asuntos como a
reforma do modelo de financiamento, do texto constitucional ou do modelo
territorial.
“O presidente dixo que a lealdade institucional
que é inherente a Galicia será compatibilizada cunha postura reivindicativa na
que a defensa dos intereses dos galegos será á única guía da Xunta”, dixo Tellado.
“Iso pasa, entre outras cousas, por ser vixiantes e evitar que ninguén trate de
pagar con cartos dos galegos as deslealdades de outros territorios”, apuntou.
Ademais, lembrou que Galicia é unha autonomía serena e que non fixo do conflito
un modo de vida permanente.
O secretario xeral dos populares destacou a
sensibilidade do presidente ao recoñecer que aínda hai máis desemprego do que lle
gustaría, pero ao mesmo tempo tamén o seu realismo ao lembrar que o número de
parados ven descendendo de forma sistemática nos últimos anos. De feito, os
datos económicos expostos polo presidente dan pouca oportunidade para a
réplica: máis emprego, máis PIB, máis exportacións, máis turistas recibidos,
menos impostos, menos déficit. “Esta é a Galicia que deixamos neste 2017 e a
que temos a obriga de mellorar en 2018”, dixo Tellado.
O dirixente popular destacou a homenaxe feita
polo presidente a eses galegos do cotío, a esas persoas que fan do seu día a
día un camiño de honestidade e traballo. “Galicia ten 2,8 millóns de exemplos
para inspirar as políticas da Xunta; e nesa normalidade é onde o Goberno galego
moldea as súas propostas para facer deste un pobo decidido e capaz”, dixo.
O secretario xeral cre que Galicia superou a
crise sen deixar a ninguén atrás, pero que a mellora dos datos económicos non
debe ocultar que aínda temos grandes retos que afrontar como sociedade. Un dos
máis importantes, a erradicación da violencia machista. “Para iso e para moitas
outras cousas gustaríanos contar co resto de forzas políticas porque, aínda que
a aritmética parlamentaria non o requira grazas a unha ampla maioría na Cámara,
hai temas que sería bo tentar resolver entre todos”, apuntou.
“Esperemos que para os retos fixados polo
presidente da Xunta de cara ao novo ano podamos contar coa colaboración do
resto de grupos”, finalizou Tellado. Departamento de comunicación