A Consellería do Medio Rural vén de analizar os datos do sector porcino en Galicia con motivo do peche do exercicio 2017 e deles despréndese unha mellora no sector. De feito, o número de granxas creceu en 136 ao pasar de 27.989 en xaneiro do ano pasado a 28.125 en decembro.
Ademais, o incremento rexístrase en todo o territorio. Así, en Lugo, a provincia con maior peso no sector, pasouse de 14.585 explotacións a 14.628. Na Coruña, aumentaron de 3.975 a 4.023, en Ourense de 2.972 a 2.997 e en Pontevedra chegáronse ás 6.477 cando a primeiros de ano había 6.457 granxas rexistradas.
Respecto ao número de cabezas, tamén crece. En Galicia existen a día de hoxe máis dun millón de cabezas de gando porcino (1.062.407) entre reprodutoras, verróns e leitóns, case 24.000 máis que o ano anterior. Aínda que non hai grandes diferenzas no balance anual, no 2017 consolidouse a aposta polas granxas de cebo e de produción de ciclo pechado ou mixto en lugar de polas femias reprodutoras, unha tendencia constante na última década e que orienta ao sector cara unha produción porcina de cebo de animais.