El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Sociedad

Rosa Cedrón, cantante: "Volvín nacer tras Luar na Lubre"

26-03-2007

Tras abandonar Luar na Lubre, Rosa Cedrón (Monforte, 1972) publica o seu primeiro disco en solitario, "Entre dous mares", na mesma semana na que se volverá ver as caras con Mike Oldfield, quen lle pediu que lle acompañase coa súa voz no Night of the Proms en Madrid e Valencia. - Xa queda menos para o concerto con Mike Oldfield, ¿moitos nervios? -Siiii... Xa estou ansiosa, teño ganas de que chegue o día 30. Vou preparadiña. -¿Que ofrece con ?Entre dous mares?? -Neste primeiro traballo en solitario quixen aportar temas de composición propia. Só van tres versións, e as tres moi xustificadas. Son como tres pequenos pasos previos na música dos que fixen unha revisión, como no caso de ?Heicho de dar?, que foi un tema que gravei con Luar na Lubre, creo que no primeiro disco, e que me gustaba moito, quería darlle o noso punto de vista. ?Macedonia? era un tema que fixera para o disco ?Balcáns?, do proxecto Ninguén, e apetecíame retomalo porque é unha canción instrumental preciosa. E tamén me apetecía reflectir neste traballo ?Como soños de nacre?, que vén da andanza deste último ano con Doa. O resto son todos de composición propia. -¿Entre que dous mares se atopa? -O disco titúlase así por moitas cousas. O mar é a nivel simbólico o subconsciente, é o que nos move, sen que nos decatemos. Dous mares: o do castelán e o do galego, o da nai e o do pai, o do masculino e o feminino,... e outro enfoque que me gusta moito é o da melancolía ou a tristura, pero vista dende un punto moi optimista, algo que se ve reflectido en todos os temas. Aínda que algunhas das cancións tratan da soidade, o desamor ou o exceso de amor, están tratadas de forma positiva. O que se considera desagradable ten sempre unha ensinanza positiva. E entre o mar do pasado e o do futuro, aí onde está o presente, o que todos deixamos pasar sen decatarnos de que estamos deixando de vivir. -¿É xusto entre os dous mares onde se sente como peixe na auga? -Entre os dous extremos sempre está o equilibrio, o que ten que ser. Estiven buscando o meu equilibrio e o meu lugar en cada momento. -¿A procura do seu lugar levaralle a outro cambio brusco? -(Risos) Non, creo que agora cambio brusco ningún, porque xa atopei o lugar no que non teño que cortar. Atopei o punto no que podo ir evolucionando segundo me vaia pedindo o corpo. Este disco é tamén para deixar abertas moitas portas, non para andar un único camiño. -¿Como se sente tras Luar na Lubre? -Precisaba deixar Luar na Lubre, deixar un proxecto que non era meu, aínda que o dei todo durante nove anos e con moito agarimo e tesón. Chega un momento na vida no que tes a necesidade de empezar a camiñar soa, sen que ninguén te empurre. Era esa necesidade a que me levou a partir de cero outra vez. Agora estou como unha nena pequena. Volvín a nacer, en todos os sentidos. -O disco inclúe catro temas en castelán, ¿cre que así chegará mellor ao mercado estatal? -Non, a idea é que cada tema é un universo diferente. Cada melodía pide ser cantada dunha forma distinta. Empezamos a gravar os temas, a redondear as letras e cada tema pedía unha cousa distinta. Había temas que xa fixera a letra Alba Felpete, unha poeta amiga miña que escribe en castelán, e non por iso deixa de ser poeta galega, e outros temas o que pedían non era o castelán, era o galego, e eses foron os que lle pasei a Yolanda Castaño, e que fixo unhas letras marabillosas. A única letra que compuxen vai en galego, pediume o corpo facelo así. Teño eses dous mares, fun educada en castelán e galego e falo as dúas linguas indistintamente. -¿Que tal o reencontro co violonchelo? -Moi ben, a verdade é que o pobriño xa estaba aí, deixado á parte, como un instrumento destes de recheo harmónico e rítmico. Neste disco hai unha gran carga de instrumentos acústicos, como o violonchelo, o violín, a guitarra acústica, o piano de cola... e outros van cunha técnica máis mesturada con algo de electrónica, máis envolvente. -¿Ese equilibrio deu uns resultados máis satisfactorios? -Pois supoño que si, é que realmente foi un xeito de traballar... O primeiro ano dediqueime a descansar, a replantexarme todo, e o segundo, dediqueime ao disco, con moita tranquilidade, sen presións de ningún tipo, sen datas,... todo foi moi fluído, e iso tamén se transmite. -¿Que é o que máis lle sorprende do público de fóra? -Que non te esperas a acollida que podes ter alí, que a xente entende tamén a nosa cultura, porque ao final, a música é universal, independentemente do idioma no que estea cantada. Ti vas cantando en galego a Nova York e aínda que non entendan nin papa do que estás dicindo, quedan coa esencia, co espírito. Trátase de que sexa todo de verdade, feito con honestidade e sinceridade.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias