El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA

En marcha o programa de intervención con nenos e adolescentes vítimas de abusos sexuais

06-01-2018 11:40:12

A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha o programa de intervención con nenos, nenas e adolescentes vítimas de abusos sexuais, a través da Consellería de Política Social e en colaboración coa Fundación Meniños mediante o laboratorio de investigación en apego e narrativa (Liana). Esta iniciativa complétase e compleméntase cunha acción simétrica da Secretaría Xeral de Igualdade que dá cobertura ás mulleres vítimas de abusos sexuais.

O programa de intervención ten como obxectivo o tratamento terapéutico en menores vítimas das diferentes formas de abuso sexual infantil e o asesoramento e acompañamento ás familias e equipos profesionais dos que depende o seu coidado. O abuso impacta sobre todas as áreas de desenvolvemento da vítima: física, de conduta, emocional, sexual así como dificultades no establecemento e mantemento de relacións sociais, de aí a importancia de intervir terapeuticamente cos menores vítimas destas situacións.

Os casos serán derivados á unidade de intervención Liana desde a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, onde se realizará unha avaliación e se formulará o tratamento que responda ás necesidades do neno ou nena. O procedemento de intervención é unha axuda psicolóxica por parte de profesionais acreditados e con formación específica neste ámbito. As intervencións están fundamentadas seguindo a evidencia científica dentro do campo da psicoloxía e a atención sociosanitaria. Os seus obxectivos principais son o desenvolvemento dun contexto de seguridade e de prevención de novas situacións de traumatización e acompañar ao menor e ás persoas adultas coidadoras na adquisición de información e habilidades para afrontar as consecuencias do abuso, entre outros.

A Xunta de Galicia é consciente de que a violencia sexual contra os menores é un fenómeno escasamente denunciado e, polo tanto, a administración autonómica busca con este programa pór luz e afondar nestas graves situacións. De feito, para atallar esa invisibilidade, a Xunta foi o primeiro goberno autonómico en adherirse de xeito oficial á campaña do Consello de Europa para a prevención da violencia sexual Un de cada cinco.

Ademais, no pasado mes de decembro puxo en marcha a iniciativa Acendámo-la luz (como continuación da campaña 37mil sorriSOS) co obxectivo de previr e detectar os abusos sexuais a menores así como que aqueles que foron vítimas poidan superar esta traumática experiencia.

Esta segunda parte da campaña está máis orientada ao conxunto da sociedade, a única vía para poñer freo aos abusos. A proposta ten un carácter eminentemente dixital, xa que o que se procura é difundir a mensaxe #acendamolaLuz a través das redes sociais –fundamentalmente facebook, instagram e whatsapp-, ademais de habilitarse a páxina web www.acendamolaluz.com. Nesta dirección de internet, xunto cos contidos da campaña, pódese escoitar a canción do mesmo título que concentra a mensaxe da campaña.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias