O portavoz
de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, dixo hoxe que “lamentablemente,
se hai algo máis previsible que o pico da gripe é a incapacidade de Sanidade
para xestionalo”. Así o dixo logo de constatar o “desastre” da xestión de
urxencias e de trasladarlle o respaldo dos socialistas galegos ás demandas de
máis recursos e condicións laborais dos profesionais da sanidade pública.
Preguntoulle
a Feijóo “onde están” os recursos comprometidos para desafogar a situación da
sanidade pública, e tildou de “desolador” unha situación provocada por “un
goberno que non sabe xestionar por ser cicatero”. Os socialistas galegos
presentaron unha batería de iniciativas para reclamar o incremento dos recursos
de persoal, así como os protocolos de actuación e os informes sobre o seu
funcionamento ante a saturación de urxencias.
Ademais, criticou
a resposta do goberno galego ás críticas transmitidas polos profesionais da
sanidade xa que, dixo, “van ser agora os cidadáns os culpables de coller a gripe”.
Comparouno coa reacción do goberno fronte ao colapso da AP-6 sinalando que
“daquela resulta que a culpa foi dos condutores, e agora a culpa da gripe a van
ter os que enferman”.
Desaxuste
Torrado subliñou
hoxe a “incompetencia” do conselleiro de Sanidade, que aprobou a finais de
novembro unha transferencia de 42 millóns de euros para un desfase da partida
de implantes e material sanitario no III trimestre. Lembra que a Consellería
repite un desaxuste de 100 millóns nesa partida cada ano dende 2015 sen que a
Xunta teña a ben prevelo nos Orzamentos.
O
responsable socialista lembra que en 2015 tiñan previsto 200 millóns e gastaron
máis de 300, en 2016 orzamentaron 220 e gastaron 315, e en 2017 fixaron a
partida en 219 millóns e no terceiro trimestre do ano xa tiñan gastados 300
millóns, un desfase que obriga ao conselleiro a “rapiñar” fondos de calquera outra partida do goberno galego.
Considera
“gravísimo” que para cubrir este burato e “subsanar o seu déficit de xestión”,
retíranlle fondos ás partidas de prevención de incendios, innovación educativa
–case 2 millóns-, comedores escolares –case 1,5 millóns- ou o 5 por cento dos
orzamentos de toda a Consellería do Mar.
Lamentou que
evidencia un problema de “xestión ineficiente” por parte duns “malos xestores”
que presentan uns orzamentos “opacos e inservibles”, nun documento que
finalmente “non vale para nada”. Departamento de comunicación