Monforte de Lemos repite como sede do Campionato Galego de Técnica e Freestyle. Como xa sucedera o pasado ano, o Pavillón da Pinguela acolle este torneo, que se celebrará o domingo, a partir das 10:00 horas, con case 250 inscricións e máis de 30 árbitros. Será a primeira proba do ano 2018, despois do pequeno parón polas festas do Nadal.
O campionato comezará as 10:00 horas, coa disputa do Galego de Técnica nos cinco tapices dispostos no Pavillón da Pinguela para desenvolver a competición nas categorías cadete, júnior, sénior e máster a nivel individual, e sen esquecer as parellas e tríos (cadete, júnior e sénior).
Ao remate da competición de técnica (13:00 horas), dará comezo o VI Campionato Galego de Freestyle, con 60 inscricións. En Galicia esta modalidade deportiva está a lograr unha moi boa implantación e os resultados a nivel estatal e internacional dan boa mostra diso.
Esta modalidade é unha combinación libre de técnicas de taekwondo con coreografía e música, polo que resulta moi atractiva tanto para o público coma para os propios practicantes. Desenvólvese de forma individual, por parellas e por equipos. Departamento de comunicación