O secretario
xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, participou hoxe na primeira xuntanza de
2018 do Grupo Parlamentario, na que fixaron a estratexia política dos próximos
meses. O líder dos socialistas galegos anunciou unha liña de acción “intensa”
para conseguir que Feijóo “deixe de mirar cara Madrid e centre a súa axenda nos
problemas e necesidades da Galicia real”.
Advertiu que
malia que o presidente da Xunta estea “moi cómodo” fixando a súa axenda
política en Madrid, a realidade é que Galicia “vai a peor no económico, no
social e no demográfico”. Reclamoulle a Feijóo que “se centre nos problemas da
Galicia real, non nos cambios de goberno e do Consello de Ministros que poida
ou non facer o presidente do goberno do Estado”.
Ratificou a
súa sintonía co traballo político do portavoz do grupo e presidente do PSdeG,
Xoaquín Fernández Leiceaga, para “manter unha estratexia de acción política que
lidere a oposición no país”. Explicou que os socialistas galegos manterán vías
de diálogo coa Xunta en asuntos de país como o financiamento ou o pulo
demográfico e á vez “unha oposición clara en canto ao modelo económico, o
sector produtivo e as políticas sociais”.
Caballero
criticou que o presidente da Xunta estea “noutras cuestións” mentres “cae a
calidade de vida dos galegos e galegas”. En resposta ás preguntas dos
xornalistas, o líder dos socialistas galegos acusou a Feijóo de “buscar escusas
para desatender a súa responsabilidade e falla de compromiso e eficacia nas
demandas de infraestruturas fundamentais para Galicia, como son o AVE ou a
incorporación ao corredor ferroviario de mercadorías.
Oposición útil
e eficaz
O portavoz
do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, anunciou unha oposición
“eficaz e útil” que permita liderar a acción política da oposición na Cámara
autonómica. Por outra banda, explicou que o traballo dos socialistas galegos
estará centrado tamén en “evidenciar os problemas da cidadanía de Galicia”,
como a sanidade, o emprego ou o deterioro dos servizos públicos.
Criticou a
“reticencia de Feijóo á hora de plantarlle cara a Rajoy e defender os intereses
de Galicia diante das políticas do goberno central” por manter “un ollo posto
na política madrileña pensando que parte do seu futuro pase por aí”. Departamento de comunicación