A portavoz
de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, alertou hoxe da
“absoluta pasividade” do goberno galego para rexenerar as zonas protexidas que
arderon nos incendios de outubro. Así o dixo no debate dunha moción para
reclamar un Plan urxente de Rexeneración Ambiental das zonas afectadas que foi
rexeitada polo PP.
Criticou que
teñan “desaparecido” 6 meses despois dos incendios logo de ter botado palla e
sementado nas zonas queimadas inmediatamente despois dos incendios e en contra
das advertencias de tódolos colectivos ecoloxistas.
Lamentou a falla de axudas “inmediatas e
eficaces” para as zonas afectadas, e censurou a súa “pouca vergoña” para “dicir
que os acuíferos non están afectados cando Cabreiroá ten que regalarlle auga
mineral aos veciños de Carballeda”.
Acusou á
conselleira de Medio Ambiente de ter “esquecido” as zonas afectadas,
demostrando, sinalou, que “seica A Coruña é máis fácil de pasear que os Ancares
ou a Serra do Xurés”, en alusión á súa candidatura ás próximas eleccións
municipais.
Advertiu da
“catástrofe” provocada pola combinación de incendios e pasividade do goberno
autonómico nas zonas protexidas. Sinalou “turbeiras ardidas por non ter feito
labores de protección, augas torrenciais precipitadas aos ríos e mananciais,
inexistencia de traballos para evitar a erosión, ningunha protección para
infraestruturas, ausencia de plans especiais de restauración hidrolóxica e
falla de auga potable para os veciños”.
Lembrou que,
de acordo coa propia conselleira, o 23,4 por cento da superficie queimada fora
Rede Natura, un total de 11.400 hectáreas, entre o que se contaba o 7 por cento
da reserva dos Ancares, e 6.630 hectáreas no parque natural da Baixa Limia –
Serra do Xurés e Ancares – Courel.
Moción
Os socialistas
propuxeran hoxe unha moción cun Plan Urxente de Rexeneración Ambiental das
zonas protexidas afectadas, dotado dunha memoria económica suficiente, dirixida
a restaurar as dotacións de servizos básicos afectadas polos lumes, que foi
rexeitada polo PP.
Solicitaran
ademais un informe bimensual sobre as posibles desaparicións de solos polos
arrastres para comunicárllelo aos concellos afectados e a activación inmediata
dun dispositivo de vixilancia e avaliación polo arrastre de terras, cinzas e
materia orgánica queimada ás rías de Galicia. Departamento de comunicación