El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

RAGC

A RAGC entrega os Premios de Investigación Ernesto Viéitez 2017

24-01-2018 20:21:23

Santiago.- A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) entregou esta tarde os seus Premios de Investigación Ernesto Viéitez 2017 a científicos da Universidade da Coruña (UDC) e da Universidade de Santiago de Compostela (USC) nun acto celebrado en Compostela, coincidindo coa apertura do curso académico da institución. Os premiados destacaron que estes galardóns “contribúen dun xeito moi eficaz a avanzar na importantísima tarefa de darlle visibilidade á ciencia e poñela en valor ante os ollos dos cidadáns, para que sexan conscientes dos retornos que recibe a sociedade do investimento en investigación”.

Fixeron entrega dos premios o presidente da RAGC , Miguel Ángel Ríos; o reitor da USC, Juan Viaño; o reitor da UDC, Julio Abalde; e a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey. O presidente da RAGC deu inicio oficial ao curso académico salientando que este será o último ano do seu mandato. Ademais, incidiu en que “a sociedade se xoga o seu futuro na xestión da ciencia” e nese ámbito situou o papel da Real Academia como creadora de cultura científica, cuxo déficit situou como “un dos atrancos importantes cos que se atopa hoxe o desenvolvemento do noso país”.

Ríos destacou que para continuar e intensificar este labor é necesario, ademais de recursos económicos, contar co compromiso dos membros da RAGC, que nos últimos catro anos sumaron 18 novos académicos e académicas e que, segundo anunciou, neste 2018 alcanzarán os 21 con tres novas incorporacións: o catedrático de Estatística Wenceslao González Manteiga, a catedrática de Química Analítica Pilar Bermejo Barrera e o catedrático de Economía Financeira José Antonio Redondo López.

O presidente da RAGC avanzou tamén a próxima apertura do prazo para a presentación de candidaturas aos Premios de Investigación na súa edición 2018, xunto coa dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia, convocados conxuntamente coa Axencia Galega de Innovación, así como o inminente anuncio da identidade do homenaxeado no Día da Ciencia deste ano.

Sobre os galardóns entregados hoxe, o presidente da RAGC asegurou que a selección dos traballos premiados se baseou “na categoría científica e na utilidade social das investigacións”. Na mesma liña que o presidente da RAGC, durante a súa intervención en representación de todos os galardoados, a investigadora da UDC María Antonia Señarís subliñou que “cómpre que Galicia sexa consciente e consecuente e aposte máis fortemente pola ciencia e a investigación”, argumentando que se trata dun elemento estratéxico á hora de asegurar a competitividade, o desenvolvemento económico e o benestar social dun país. 

Señarís explicou que, se ben facer investigación é unha tarefa “apaxionante, creativa e noble, unha aventura e un desafío constante cheo de emoción”, tamén é “dura e difícil e require de moita enerxía, sacrificio, resistencia e tesón”. Por iso, insistiu en que, tras os tempos complicados da crise, “é imprescindible acadar das nosas Institucións un compromiso claro e firme coa investigación e co seu financiamento, para darlle un novo impulso con perspectiva a curto, medio e longo prazo”.


Premio ás tecnoloxías de futuro

Os dous traballos galardoados hoxe demostran que Galicia é un foco de investigacións relevantes sobre as tecnoloxías de futuro para diferentes aplicacións capaces de mellorar a calidade de vida das persoas.

O Premio de Investigación 2017 foille concedido ao equipo formado por María Antonia Señarís, Juan Manuel Bermúdez, Manuel Sánchez, Socorro Castro, Jorge José López e Ramón Pedro Artiaga, un equipo multidisciplinar que integra a químicos e enxeñeiros da UDC procedentes do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) e dos Departamentos de Química e de Enxeñería Naval e Industrial. O seu traballo describe un innovador método de refrixeración baseado en novos materiais sólidos que supón unha alternativa máis eficiente e menos contaminante aos fluídos utilizados na actualidade en neveiras e conxeladores. O punto de partida é unha perovskita de manganeso con compoñentes inorgánicos e orgánicos que pertence a unha nova familia de materiais híbridos con pouco mais de vinte anos de vida. Esta perovskita, que xa se fixo famosa como materia prima de células solares de baixo custo e alta eficiencia, proponse por primeira vez como fonte de materias refrixerantes.

Na categoría de Promoción de Novos Investigadores, convocado pola RAGC para promocionar o traballo dos científicos galegos menores de 28 anos, o premio foi recollido por María Aymerich, do Departamento de Física Aplicada da USC. O xurado elixiu de forma unánime o seu novo método de fabricación rápido e económico de dispositivos que simulan vasos sanguíneos para o estudo in vitro de patoloxías cardiovasculares ou tumorais. Este avance pode contribuír de maneira decisiva a comprender os factores que favorecen estas enfermidades, que son as principais causas de mortalidade no mundo, e facilitar así tanto a súa prevención como o seu tratamento.

A lección inaugural do curso académico da RAGC estivo a cargo de José Ramón Cancelo de la Torre, que disertou sobre as fontes do crecemento económico e expuxo os datos relativos a esta variable en España entre os anos 1970 e 2016. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias