Hoxe presentouse o III Concurso “Balbino” de Relatos, que leva o nome do protagonista
da obra máis internacional da literatura galega Memorias dun neno labrego, do célebre escritor Xosé Neira Vilas.
Este Concurso de Relatos
pretende ser un estímulo para todas aquelas persoas que queiran participar na
promoción e difusión de Galicia e da nosa cultura. A presentación deste certame
tivo lugar no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela. No acto estiveron
presentes os representantes das entidades colaboradoras; o Secretario Xeral de
Política Lingüística, Valentín García; o deputado de Cultura da Deputación de
Pontevedra, Xosé Leal; o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Luis
Reimóndez; e o responsable de Edicións Fervenza, Manuel Núñez. Ademais dos
mencionados, neste proxecto tamén colabora a Consellería de Cultura, Educación
e Ordenación Universitaria e os concellos de Boqueixón e de Vila de Cruces.
Participantes
O Concurso “Balbino”
de Relatos, de periodicidade anual, está aberto á participación de escritores e
amantes da escritura, de calquera idade ou nacionalidade, co único requisito de
que o idioma no que estea escrito o orixinal deberá ser en lingua galega e que terán
como motivación temática o rural, o mar e a emigración.
Bases
O prazo estipulado
para remitir os escritos finaliza o venres 30 de xuño de 2018 e, ditos relatos
deberán cumprir unha serie de requisitos formais, marcando unha extensión de
entre 100.000 e 180.000 caracteres, estar escrito en galego e temática
vinculada co rural, o mar ou a emigración.
A obra gañadora
será elixida por un xurado profesional de recoñecido prestixio que darán o
fallo no mes de setembro. O autor do relato premiado recibirá un premio dobre,
un cheque por valor de 1.500 euros e a publicación da obra por Edicións
Fervenza.
Edicións anteriores
Na anterior
edición do Concurso “Balbino” de Relatos, en 2017, resultou gañadora a obra “De
que falarán as árbores”, de Ricardo Cid Paz; mentres que na primeira edición o
premio recaeu no xoven coruñés Xián Lois Alcayde Dans, con “Camiños na sombra”. Departamento de comunicación