El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA

Feijóo: "O Plan básico autonómico permitirá avanzar cara á Galicia do século XXI"

26-01-2018 17:34:41
Feijóo clausurou a xornada técnica.

O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, afirmou hoxe que o Plan básico autonómico permitirá avanzar cara a unha Galicia vertebrada cun urbanismo moderno, que fomente o crecemento e que protexa a paisaxe. Cun urbanismo ordenado, sustentable e harmónico, resumiu, incidindo en que o urbanismo do século XXI quere planificar para unir; “unificar normativas, integrar e conectar os diferentes núcleos de poboación, é dicir, en definitiva, vertebrar unha Galicia única”.

Consciente de que non podería considerarse un éxito que a Comunidade avanzase a dúas velocidades, Feijóo subliñou que unha das premisas claras deste plan é que a ordenación urbana non estea reservada só ás cidades, senón á disposición do conxunto dos núcleos que conforman Galicia. Non en van, sobre a base deste documento, no que se identifican os 33.000 asentamentos de poboación galegos, asentaranse os futuros plans básicos municipais, que beneficiarán aos 49 concellos de menos de 5.000 habitantes que non teñen planeamento xeral.

A harmonización territorial de Galicia, un obxectivo que afecta a toda a sociedade “Deste xeito, a Xunta ponse do lado daqueles concellos con menos recursos económicos e de persoal, para que accedan aos beneficios dun urbanismo ordenado e que respecta o medio ambiente”, afirmou, avanzando que este texto, que foi aprobado inicialmente o pasado 14 de decembro, recibirá a luz verde definitiva a mediados deste ano, despois de estar aberto ás achegas, alegacións ou suxestións do sector, “porque a harmonización territorial de Galicia é un obxectivo que afecta a toda a sociedade galega e sen a sensibilidade do sector non se pode acadar”.

Nesta mesma liña, aproveitou a intervención para agradecer a colaboración dos profesionais do sector para revisar a listaxe de asentamentos de poboación, comprobar se os núcleos están xeorreferenciados adecuadamente e se a toponimia do documento está actualizada.

Así mesmo, lembrou que este novo plan virá substituír uns documentos que cumpriron o seu cometido durante 27 anos: as normas provinciais de 1.991, acolléndose a el os 49 concellos que se rexen por estas normas; e, tamén, os 170 concellos suxeitos a normas subsidiarias municipais ou cun PXOM que non está adaptado á nova Lei do solo.

O presidente da Xunta concluíu destacando o traballo desenvolvido nos últimos anos reflectido na elaboración de documentos tan importantes como: as Directrices de Ordenación do Territorio; o Plan de ordenación do litoral; a nova Lei do solo; a Lei de medidas urxentes; a Estratexia da paisaxe galega; o Catálogo, que divide o territorio en 12 grandes áreas paisaxísticas; e a Guía de cores e materiais. “E, desde 2009 multiplicouse por tres o número de concellos que aprobaron un Plan xeral de ordenación urbana. Tiñamos 33 e, neste momento, temos 98”, engadiu.

Feijóo concluíu aseverando que o Plan básico autonómico “non debe significar Plan básico da Xunta, senón Plan básico de Galicia”.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias