O secretario
xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, esixiulle hoxe ao goberno galego que
“marque a axenda de prioridade social” para “atender ás necesidades das persoas
con discapacidade ou diversidade”. Así o dixo na clausura dunha xornada de
traballo celebrada hoxe no Parlamento de Galicia organizada conxuntamente entre
o Grupo Socialista e o Comité de Entidades Representantes de Persoas con
Discapacidade de Galicia –Cermi-.
O líder dos
socialistas galegos puntualizou que a igualdade de oportunidades “vai no ADN
dos socialistas galegos”, que hoxe organizaron este encontro para “recoller as
inquedanzas dos colectivos afectados” para “marcarlle a axenda social para o
ano 2018 ao goberno conservador da Xunta de Galicia”.
Sinalou que,
no marco dunha recuperación macroeconómica, o goberno galego “debera implicarse
de forma máis efectiva” para garantir “os presupostos e partidas dirixidas a
desenvolver a lei de inclusión de Galicia”. Os avances lexislativos na materia
teñen sido “insuficientes”, advertiu, pero a pesares diso “faltan partidas
orzamentarias que permitan desenvolver o contido lexislativo” vixente.
Reivindicou
a “igualdade de oportunidades” como eixo das propostas políticas dos
socialistas galegos, e reclamoulle ao goberno galego que garanta a
incorporación laboral da cidadanía con discapacidade, e que atenda ás súas
necesidades específicas de atención sanitaria, educación, accesibilidade ou
transporte.
Os
socialistas galegos, explicou, recolleron o compromiso de traballar coas
organizacións representadas na xornada de hoxe co horizonte de “darlle
inclusión social aos en torno a 100.000 galegos e galegas con discapacidade ou
diversidade funcional e coa necesidade de atención específica.
Xornada
Gonzalo Caballero interveu xunto co
presidente do Cermi Galicia, Iker
Sertucha, no peche dunha xornada que era inaugurada polo portavoz do Grupo
Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga,
quen reclamara unhas políticas públicas por parte do goberno galego “máis
afinadas e útiles para aproximar as necesidades reais da nosa sociedade”.
A
continuación tiña lugar a primeira Mesa de debate, moderada pola portavoz de
Política Social do Grupo Socialista, Noela
Blanco, na que interviñeron o presidente da ONCE Galicia, Carlos Fernández, o presidente da
Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia –FAXPG-, Iker Sertucha, o vicepresidente da
Confederación Galega de Persoas con Discapacidade –Cogami-, Ramón Sestayo, e o presidente de
Fademga Plena Inclusión, Eladio
Fernández.
A
continuación, a segunda mesa de debate, moderada pola secretaria de Políticas
Sociais do PSdeG, Marina Ortega,
contaba coa intervención do presidente da Federación de Asociacións de
Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia –FEAFES Galicia-, Ramón Girón, e o presidente de Down
Galicia, Delmiro Prieto.
Tamén
interviñeron a presidenta da Federación Autismo Galicia e presidenta da
Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista –Aspanaes-, María José Álvarez, o presidente da
Federación Galega de Dano Cerebral –Fegadace-, Luciano Fernández, o presidente da Federación de Asociacións
Galegas de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias –Fagal-, Juan Carlos Rodríguez e o presidente da
Federación de Asociacións de Atención ás Persoas con Parálise Cerebral e Afíns
–Aspace Galicia-, Eulogio López. Departamento de comunicación