Santiago.- O
presidente do Partido Popular de Galicia, Núñez Feijóo, asegurou hoxe que “Galicia
está disposta a liderar o Pacto Educativo que España necesita”, salientando que
“o Pacto de Estado Social e Político pola Educación é a
maior oportunidade educativa nestes 40 anos”.
Así se expresaba o líder do PPdeG
durante a clausura da Convención Nacional de Educación que os populares
celebraron esta mañá en Santiago, na que estivo acompañado polo vicesecretario de Política Social e Sectorial do PP,
Javier Maroto, e polo ministro de Educación, Cultura e Deportes, Íñigo Méndez
de Vigo.
Sistema equitativo, plural e innovador
“Fixemos un sistema
educativo como nos gustaría que fose Galicia: equitativa, plural e innovadora”,
destacou o presidente logo de recoñecer que para que unha folla de ruta
educativa teña éxito é necesario que sexa compartida coa comunidade docente.
Neste senso, afirmou que o mérito dos resultados da Educación pública galega é,
ante todo, dos seus 30.000 profesionais, aos que a Xunta debe acompañar.
Máis polo miúdo, explicou que a Educación debe ser reflexo e guía da
Galicia equitativa e integradora que garanta a igualdade de oportunidades e,
nese senso, os datos amosan que imos polo rumbo axeitado: o informe PISA
recoñece que temos o sistema educativo máis equitativo de España e do mundo;
cada día 90.000 alumnos da Educación pública se benefician do transporte
escolar grazas ao maior investimento de España -105 millóns de euros-; e
logramos ofrecer unha formación de primeiro nivel aos alumnos con necesidades
especiais -o 92% deles integrados en centros ordinarios-.
Por outra banda, fixo referencia á aposta da Xunta polo plurilingüismo,
expoñendo que, se en 2009 había menos de 13.000 alumnos que recibían un ensino
plurilingüe, en 2018 hai 106.000; se hai nove anos en Galicia non había ningún
centro plurilingüe, hoxe hai 322; mentres antes había 720, agora temos seis
veces máis seccións bilingües nos centros; e pasouse de 67 auxiliares de
conversa a 550. Ademais das cifras, Feijóo salientou a implantación dunha nova
Estratexia de linguas estranxeiras que, coa vista posta en 2020, estenderá o plurilingüismo
ao 100% dos alumnos do ensino obrigatorio, pois “hoxe en Galicia as linguas non
son un problema, senón unha oportunidade”.
No tocante á
innovación, o presidente remarcou o pulo ao crecemento intelixente, sinalando
accións como o kits de robótica nos centros de primaria e secundaria; o novo
bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía; ou a mellora do libro
dixital.
Feijóo non
esqueceu tampouco a auténtica revolución silenciosa que viviu a Formación
Profesional, poñendo en valor que hoxe haxa 51.000 matriculados, case un 50%
máis que hai nove cursos, e que oito de cada dez atopan un traballo ao rematar
a súa formación.
Proxecto educativo común
Tras deixar claro que “non queremos un sistema educativo que adoutrine, que
os colexios sirvan para inflar aínda máis o ego de certos políticos, ou que nas
aulas se eduque no sectarismo ou no resentimento”, o líder dos populares
galegos pediu aos docentes que, sempre que pensen que algo se fai mal ou que
podería facerse mellor, o trasladen.
Feijóo tamén subliñou
que en Galicia apostouse por incorporar ao profesorado a un proxecto educativo
común, con iniciativas como un Plan anual de formación; a análise das
competencias profesionais docentes; e reforzando a estabilidade. De feito, xa
somos a Comunidade coa menor taxa de interinidade de España e este ano
propoñerase convocar 1.919 prazas en 30 especialidades diferentes, case o dobre
que o ano pasado. Departamento de comunicación