O
secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiu este venres ao presidente
da Xunta que “rectifique” a reforma da Lei de Saúde de Galicia que pretende
levar adiante, non sen advertirlle de que o “fracaso” da súa política sanitaria
“xa lle custou o cese dunha conselleira” hai dous anos.
No marco
dunhas xornadas sobre sanidade organizadas pola Escola de Formación Ceferino
Díaz do PSdeG, Gonzalo Caballero urxiu a Feijóo a “reorientar a desfeita” que
está levando a cabo en materia sanitaria, que ten “fondamente preocupados” aos
socialistas galegos e que ten derivado nun “clamor” entre a cidadanía.
“A
dereita está desmantelando moitos dos avances que tiñamos conquerido”,
evidenciou o líder dos socialistas galegos, consciente de que “custou moito
tempo construír” un sistema “público, gratuito, de calidade e de proximidade” e
de que todo este esforzo “pode destruírse en pouco tempo”.
Coa
defensa da sanidade “pública, universal, gratuíta, de calidade e próxima” como
“prioridade”, Gonzalo Caballero apelou a participar “masivamente” na
manifestación do vindeiro domingo en Compostela. “A sanidade está en risco”,
advertiu, antes de denunciar “privatizacións encubertas, precariedade para os
profesionais e enormes listas de espera”.
Fin dos recortes
Pola súa
banda, o portavoz parlamentario dos socialistas, Xoaquín Fernández Leiceaga,
fixo fincapé na importancia de que a manifestación sexa “masiva” para conseguir
“o fin dos recortes” en materia de sanidade.
Centrado
no ámbito parlamentario, recordou que o próximo martes comeza a tramitación da
reforma da lei, que recibirá toda a oposición dos socialistas. Departamento de comunicación