A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abre o prazo para que as empresas que se dedican profesionalmente a actividades de estímulo da lectura presenten as súas propostas, destinadas a conformar o catálogo do programa Ler conta moito 2018. O prazo de presentación de solicitudes está aberto entre os días 2 e 11 de febreiro.
Cada nova edición deste programa promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, que chega á sétima este ano, confórmase un catálogo de actividades de dinamización da lectura realizadas por profesionais ou colectivos con experiencia neste ámbito. Unha vez que o catálogo se pecha, os responsables das bibliotecas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, dependentes da Consellería de Cultura e Educación, escollen nel as actividades que máis lles interesan para desenvolvelas nas súas instalacións.
As propostas inclúense en distintas categorías: obradoiros creativos, narración oral, divulgación do coñecemento, audiovisual na biblioteca, actividades de dinamización con música, teatro e danza, exposicións e itinerarios guiados. Os propios profesionais deben delimitar no seu proxecto os públicos aos que se dirixen, entre bebés: 0 a 3, nenos e nenas, mocidade, adultos e colectivos con necesidades especiais.
Cada empresa pode presentar ata dúas ofertas e o custo máximo por cada actividade non pode superar os 500 euros, segundo se establece nas bases da convocatoria, que se pode consultar na seguinte ligazón.
Ler conta moito
Ler conta moito é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas da Rede promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración cos concellos. A Secretaría Xeral de Cultura financia o 75% dos custos das actividades programadas. As entidades locais con bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia que se adhiren a este programa cofinancian o 25% restante.
A Xunta de Galicia pretende con este programa animar á lectura, desenvolvendo accións atractivas vinculadas aos intereses de distintos colectivos, que faciliten o achegamento aos espazos das bibliotecas como punto de encontro.