A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou que Feijóo non pode “usar a maioría absoluta como un cheque en branco” para desmantelar a sanidade pública. Pide ao presidente da Xunta que escoite o clamor da cidadanía, retire a “contrarreforma” da Lei de Saúde e non converta a enfermidade nun negocio para uns poucos.
A líder do BNG, Ana Pontón participou na multitudinaria manifestación que percorreu hoxe as rúas de Compostela convocada pola plataforma, SOS Sanidade pública. Dende a faixa que encabezada a mobilización, Pontón denunciou que “nos últimos anos recortáronse máis de 3.000 profesionais, deixaron de utilizarse 700 camas, aplicáronse repagos que impiden o acceso de moitas persoas enfermas á sanidade e as listas de espera seguen medrando”.
Hoxe -dixo Pontón- esta manifestación na que estamos miles de galegos e galegas, quere darlle un toque de atención ao goberno do Partido Popular porque non pode “usar a maioría absoluta” que lle deron os cidadáns “contra as persoas deste país” e moito menos, recalcou, “converter a enfermidade nun negocio para uns poucos”.
Feijóo encastelado na maioría absoluta
A portavoz nacional do BNG asegurou que temos a un presidente da Xunta “encastelado na súa maioría absoluta” que usa, reiterou como “un cheque en branco” para desmantelar o sistema sanitario público galego.
Pontón pide a Feijóo, que a demais de escoitar as demandas dos cidadáns na rúa escoite as propostas da oposición. Neste sentido,dixo, O BNG, quere que se retire a contrarreforma sanitaria que vai a deteriorar aínda máis a sanidade pública e que pretende desmantelar os hospitais comarcais.
O BNG propón un Plan de mellora dos servizos sanitarios
Entre as propostas para frear os recortes, Pontón salientou a posta en marcha dun Plan para mellorar os servizos públicos, e de maneira esencial na Atención primaria. Neste ámbito, o “BNG rexistrou unha modificación da Lei de Orzamentos” para destinar máis de “232 millóns de euros” á Atención primaria gravemente afectada polos recortes e porque é “a porta de entrada ao sistema sanitario”, explicou.
Pontón afirmou que hoxe en día, resulta moi difícil acceder a unha cita médica dun día para outro, síntoma evidente das consecuencias e deterioro dos recortes. A nacionalista reiterou que a masiva manifestación de hoxe en Santiago de Compostela, debe facer reflexionar a Feixóo e ao Goberno galego porque a cidadanía lle está a transmitir que “a saúde é o máis importante que temos”. A saúde non se pode converter nun negocio, “para uns poucos” e hai que parar, de maneira urxente, os recortes e a as privatizacións. Departamento de comunicación