O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo
este martes un encontro co secretario de Relacións Institucionais e
Administracións Públicas do PSOE, Alfonso Rodríguez Gómez de Celis, no que
ambos constataron que o Partido Socialista é “a única alternativa de esquerdas”
ao goberno de Mariano Rajoy.
Ten habido, sinalou Gonzalo Caballero, “un avance moi
significativo” nas expectativas electorais do PSOE trala elección de Pedro
Sánchez como secretario xeral, e a súa valoración -segundo o CIS- atópase “moi
por riba” da de Mariano Rajoy. Pola súa banda, Gómez de Celis presentou ao PSOE
como “la única fuerza de izquierdas capaz de ser alternativa al PP”.
Nese senso, no medio dunha “guerra abierta” entre PP e
Ciudadanos “por ver quién es más de derechas”, Gómez de Celis reivindicou o
PSOE como unha formación con “respuestas claras” ante o desafío secesionista e
para “los problemas de los ciudadanos”.
Ao fío diso, Gonzalo Caballero puxo o foco en que os
socialistas teñen “alternativas” fronte á redución das pensións que ten
acometido Mariano Rajoy e fronte aos recortes na sanidade pública postos en
marcha por Feijóo. “Temos unha aposta firme, constante e permanente para que o
Estado do Benestar non poida ser eliminado polas políticas da dereita”,
suliñou.
Partidario de “aproveitar a recuperación económica para
facer política social e mellorar a calidade de vida” dos cidadáns, o líder dos
socialistas galegos esixiu a Feijóo “paralizar” a reforma da Lei de Saúde,
“como lle pediron o domingo pacientes, profesionais e toda a cidadanía”. A
manifestación, recordou, puxo “Santiago a rebosar”, polo que ten que “tomar
nota” ou a os galegos diranlle “non nas
urnas”.
"Deterioro" das pensións
En paralelo, Gonzalo Caballero lamentou que “máis de
700.000 galegos” están vendo “como se deterioran as súas pensións”, pois nin
sequera suben ao mesmo ritmo que o IPC. “Supón un ataque á súa calidade de
vida”, advertiu, sen esquecer que a pensión media é máis baixa en Galicia que
en España e que en dúas das provincias galegas (Lugo e Ourense) atópanse “nos
niveles máis baixos” de todo o Estado.
O mesmo día no que ambos dirixentes socialistas
protagonizarán na Coruña unha asemblea aberta á cidadanía para abordar os
problemas dos pensionistas, Gómez de Celis recordou que o goberno conservador
recibiu a hucha das pensións con 66.000 millóns de euros e que actualmente só
quedan uns 8.000.
“El PP ha esquilmado la hucha de las pensiones”, censurou,
crítico coa mensaxe que se pretende trasladar de que o sistema público é
“insostenible” e de que hai que contratar plans privados. Máxime, incidiu,
cando en España “un 14% de los trabajadores están por debajo del umbral de la
pobreza”.
Neste escenario, formulou os 10 “grandes retos” que se
ten marcado o PSOE para conseguir a recuperación económica, correxir a
desigualdade e lograr unha rexeneración democrática en España; fronte a un
goberno “indolente” e “desalmado” coas necesidades da xente.
Co foco na “xustiza social”, o secretario de Relacións
Institucionais do PSOE reclamou aumentar os ingresos da Seguridade Social a
través dun imposto sobre os beneficios da banca. “Defenderemos con uñas y
dientes que los bancos devuelvan la ingente cantidad de dinero que obtuvieron
de los bolsillos de los españoles”, enfatizou, en referencia aos casi 70.000
millóns de euros do rescate. Departamento de comunicación