O
secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, anunciou que a vindeira
semana o PPdeG celebrará a xornada de traballo "Facendo Galicia desde os concellos"
á que estarán convidados alcaldes e concelleiros de toda a Comunidade e que
avanzará na política de proximidade coa vista posta nos comicios municipais de
2019. Alí todos escoitarán como compañeiros do partido comparten experiencias
de éxito no eido local, de vitorias, pero tamén sobre como facer un traballo
duro e moitas veces ingrato que é o de estar na oposición.
A xornada,
que será clausurada polo presidente Alberto Núñez Feijóo, estará estruturada en
varias mesas redondas, nas que se darán cita representantes das catro
provincias, tanto das cidades como de vilas intermedias e pequenos concellos, e
que se atopan hoxe no goberno e na oposición. “En definitiva, exemplos todos
dunha forma de facer política moi nosa e moi característica deste partido: que
é a política de proximidade e a que se atopa máis preocupada polos problemas
dos veciños”, engadiu Tellado.
Os
populares levan tempo realizando un intenso labor de cara ás vindeiras
municipais, de fortalecemento interno das estruturas e de renovación a nivel
local; así como unha axenda de formación que está alcanzando diversas facetas,
como poden ser a da comunicación ou a da xestión. Da combinación de ambas xorde
o evento que celebrarán o próximo 17 de febreiro en Santiago e que terá unha
transcendencia que vai máis alá dunha das moitas reunións que manteñen os
diferentes órganos do partido.
“Facemos
isto porque cremos que ninguén mellor que moitos dos nosos alcaldes, portavoces
e concelleiros pode dar claves de como se xestiona o día a día dun concello, de
como se gaña a confianza dos veciños, de como se reforza unha maioría absoluta,
de como se pode gañar arrancando desde a oposición e de como se pode facer unha
oposición moi digna despois de gañar as eleccións e de que os pactos de perdedores
eviten que gobernemos”, remarcou o secretario xeral.
Así mesmo,
subliñou que no Partido Popular de Galicia teñen a grandísima sorte de que en
cada recuncho de Galicia hai alguén cunha experiencia que contar e alguén de
quen se pode aprender. “E con este acto estamos dispostos deixar claro que o
aproveitamos”, dixo.
Tellado
tamén salientou que son a única formación da Comunidade que se pode permitir
facer un evento coma este xa que “somos os únicos que temos máis de 150
alcaldes, que temos máis de 1.800 concelleiros, que estamos en todos e cada un
dos concellos galegos, que podemos reunir a varios centos de cargos e acabar
sen discusións, sen conspiracións ou sen división; e que podemos dicir o mesmo
en Ferrol, en Mos, en Mondoñedo ou en Oímbra, incluso respectando as
particularidades de cada lugar”. “Ese é o gran valor do Partido Popular de
Galicia, os milleiros de persoas que o conforman e que cren nun proxecto
centrado, rigoroso e de futuro para esta terra”, concluíu. Departamento de comunicación