A Coruña.- A
vicerreitora de Internacionalización e Cooperación, Pilar
García de la Torre, e a adxunta de Cultura da Vicerreitoría
de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria, Mercedes Regueiro Diehl
deron hoxe no Paraninfo da Reitoría a benvida institucional aos 246
estudantes estranxeiros que pasarán na Universidade da Coruña o segundo
semestre. En total, estudan este curso na UDC 641 alumnos de 38 países, dos que
preto de 50 realizan os seus estudos no Campus de Ferrol.
Italia,
con 134 estudantes, é o país que máis alumnos envía á UDC, seguido de México,
con 86; Polonia, 56; Alemaña, 49; Romanía, 42; Francia, 35; Vietnam, 32; e
Arxentina, con 29; pero a orixe do alumnado abrangue países como Australia,
Austria, Bélxica, Brasil, Bulgaria, Chile, Chipre, Colombia, Corea, Costa Rica,
Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, Estados Unidos, Finlandia, Georgia, Grecia,
Holanda, Hungría, Irlanda, Japón, Lituania, Moldavia, Noruega, Perú, Portugal,
Reino Unido, República Checa, Rusia, Turquía e Uruguai.
Aínda
que están presentes na maioría dos centros universitarios, a Facultade de
Economía e Empresa recibe este curso o maior número de alumnado estranxeiro,
111; seguida da Facultade de Filoloxía, con 94; Dereito, 81; e Arquitectura, 69. A Facultade de Ciencias
acolle a 17 alumnos foráneos; Socioloxía, 15, e a Facultade de Ciencias do
Deporte e a Educación Física, 13. As preferencias dos estudantes estranxeiros
van, sobre todo, aos centros cunha importante oferta de docencia en inglés.
Esta
mañá os novos alumnos recibiron na Reitoría información de diversos servizos
universitarios, así como das asociacións de estudantes Erasmus Student Network - ESN Coruña e a
Association des Etats Généraux des Etudiants de l'Europe – AEGEE Coruña. O Coro
Universitario pechou o evento de recepción. No Campus de Ferrol farase tamén un
acto de benvida aos alumnos estranxeiros do segundo semestre a cargo da
vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres, o
vindeiro día 22 de febreiro. Ademais do acto institucional, haberá unha visita
guiada pola cidade departamental e por diversos lugares de interese. Departamento de comunicación