El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

LUGO

Xunta, Concello e Fomento pechan as bases do acordo para a estación intermodal de Lugo

19-02-2018 18:15:00

Madrid.- A Xunta de Galicia, o Concello de Lugo e o Ministerio de Fomento, a través de Adif, pecharon hoxe as bases dun acordo para o desenvolvemento conxunto da estación intermodal da cidade. A conselleria de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e o delegado territorial da Xunta na provincia, José Manuel Balseiro, mantiveron hoxe un encontro en Madrid co presidente de Adif, Juan Bravo, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, co obxectivo de consensuar e concretar o proceso para impulsar a infraestrutura, na que xa ven traballando o Goberno galego.

Nese encontro, acordouse que a Consellería de Infraestruturas elaborará e lles remitirá antes de un mes ao Concello e a Adif unha proposta de acordo de colaboración no que se establezan con claridade as responsabilidades e os compromisos de cada administración con respecto á estación intermodal. Ese acordo seguirá o modelo do xa asinado para o desenvolvemento da estación intermodal de Santiago, xa que se este se demostrou eficaz e permitiu licitar xa as obras da nova terminal de autobuses.

Dese xeito, a Xunta asumirá tamén en Lugo o compromiso de executar unha nova terminal de autobuses integrada na estación de ferrocarril, cuxa reforma será responsabilidade de Adif. O Concello, pola súa parte, terá a responsabilidade de poñer á disposición os terreos e de garantir os accesos necesarios para á infraestrutura. Adif será a Administración responsable de elaborar un anteproxecto do conxunto da infraestrutura, para o que, no tocante á estación de autobuses, tomará como referencia o traballo técnico xa realizado pola Xunta de Galicia.

No último ano, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda elaborou un estudo de alternativas e necesidades técnicas para a integración da estación de autobuses na estación de ferrocarril, na procura dunha intermodalidade que permita un intercambio áxil e seguro entre os distintos modos de transporte. O resultado deses estudos está a ser supervisado actualmente polos técnicos da Xunta de Galicia e nos vindeiros días trasladarase ao Concello de Lugo.


Intermodalidade do transporte público

Un dos eixes de actuación prioritaria da Xunta de Galicia nesta lexislatura é a modernización do transporte público na Comunidade, tanto a través da reordenación do mapa de liñas de autobús como mediante o impulso das infraestruturas necesarias. Con esa finalidade, o Goberno está a impulsar o desenvolvemento de estacións intermodais nas distintas cidades, un obxectivo no que avanza de forma coordinada co Ministerio de Fomento, como responsable en materia de ferrocarril, e no que resulta, ademais, fundamental, a implicación dos concellos.

Actualmente, están xa licitadas as obras da futura estación de autobuses intermodal de Santiago de Compostela e proximamente licitaranse as de Ourense, mentres que en Pontevedra estase a avanzar na redacción dos proxectos. Na cidade de Vigo, a Xunta, o Ministerio de Fomento e o Concello están a ultimar a definición técnica dos accesos para incorporalos ao proxecto e continuar coa tramitación urbanística, que debe solventarse tamén na Administración autonómica debido á anulación xudicial do PXOM da cidade. 

Finalmente, na Coruña redactarase un novo proxecto técnico da estación intermodal, debido a un cambio de criterio do concello sobre a formulación inicial.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias