El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA

Goretti Sanmartín defende a devolución ao dominio público do Pazo de Meirás

20-02-2018 18:26:40
Pazo de Meirás | Foto: Europa Press.

A Coruña.- A Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás reunirase na sede da Deputación da Coruña o vindeiro día 1 de marzo para analizar os informes xurídico e histórico que serán presentados nesa mesma xornada. A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, anunciou que haberá “novidades importantes” de cara a que o inmóbel pase a ser un ben público.

Tres meses despois da xuntanza do plenario da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás o pasado mes de novembro, na que se acordou a elaboración dos informes xurídico e histórico, o grupo promotor reunirase de novo o vindeiro dia 1 de marzo coa investigación e as conclusións xa elaboradas. Será tamén o momento de facer públicas as conclusións que marcarán a folla de ruta das institucións e colectivos sociais que marcaron como obxectivo a recuperación para o patrimonio público do Pazo de Meirás en mans da familia do ditador Francisco Franco.

A xuntanza desenvolverase pouco despois de que se fixese pública a vontade de venda do inmóbel o que, segundo a vicepresidenta da Deputación da Coruña, supón unha “provocación e significa que están desexando desfacerse del, porque teñen coñecemento de que hai vías legais para que o pazo pase a ser un ben público”.

Neste sentido, Goretti Sanmartín adiantou que os informes que se presentarán o vindeiro 1 de marzo ofrecerán “importantes novidades na liña de recuperar o Pazo de Meirás para o dominio público e mostrarán que hai opcións para facelo”. Para a vicepresidenta da Deputación, “esta é a liña en que teñen que traballar todas as administracións porque pagar polo que foi un espolio para o pobo galego non sería aceptábel”.

A noticia difundida da vontade da familia Franco de vender o Pazo de Meirás responde, neste sentido, segundo a vicepresidenta da Deputación, “ao nerviosismo e a présa porque teñen coñecemento do clamor social e a resposta institucional con informes que avalan a súa recuperación”. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias