A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, asegurou hoxe no Parlamento de Galicia que, desde a súa posta en marcha, o Bono de Alugueiro Social concedeuse a preto de 500 familias en risco de perder a súa vivenda ou con dificultades para acceder a un fogar. Deses 181 xa se teñen renovados por 2º ou por 3º ano consecutivo.
Trátase dunha axuda de ata 200 euros durante 3 anos máis unha axuda adicional de 600 euros para afrontar os pagos pendentes ou relacionados co novo contrato. A conselleira salientou que se atendeu o 100% das solicitudes presentadas que cumprían os requisitos establecidos nas bases das axudas.
Vázquez Mourelle lembrou que en xaneiro se publicou unha nova convocatoria de axudas do Bono de Alugueiro Social correspondente a 2018, onde se destinan 2,2 millóns de euros, ademais do orzamento desta nova convocatoria, tamén haberá un investimento de case 2 millóns para atender os pagos dos Bonos que se prorrogun nos próximos tres anos.
Ethel Vázquez remarcou que, desde o Goberno galego, se aposta por este programa, que ten demostrado a súa efectividade e eficacia para atender a familias con dificultades para acceder a un fogar.
Nese sentido, destacou as axudas concedidas a vítimas de violencia de xénero con dificultades para manter unha vivenda, persoas privadas da súa vivenda habitual por danos causados por circunstancias sobrevidas (incendios, inundacións...) ou persoas en risco de desafiuzamento por impago do alugueiro.
É unha axuda cuxo prazo permanece aberto por períodos anuais, de maneira que se pode solicitar e tramitar no momento en que a unha determinada persoa ou familia lle xorde a necesidade, dando así cobertura a todas as solicitudes que se presentan.