Vigo.- A Universidade de Vigo e unha vintena de institutos federais de Brasil materializaron hoxe en Brasilia, unha relación que comezou no ano 2014 e o continuou en 2016 coa visita que realizou ao campus vigués unha delegación de representantes do Ministerio de Educación de Brasil, do Consello de Reitores e de media ducia de institutos federais. O ano seguinte, e co obxectivo de establecer sinerxías, en especial no eido do doutoramento, as e os representantes de nove institutos federais brasileiros regresaron a Vigo, onde tamén tiveron ocasión de coñecer os proxectos de especialización do campus vigués, así como os dos campus de Pontevedra e Ourense.
Hoxe, catro meses despois da última visita dunha delegación brasileira a Vigo, foi o reitor, Salustiano Mato, quen en Brasilia, asinou un memorando, o primeiro por parte dunha universidade europea que contempla accións nos ámbitos educativo, científico e tecnolóxico, entre a institución académica viguesa e o Conselho Nacional das Instituições da Rede Federal de Educação Profissional, Científica e Tecnológica, Conif, así como convenios específicos cunha vintena de institutos federais, co obxectivo de facilitar e intensificar a cooperación para o desenvolvemento de proxectos e actividades de I+D, así como accións de distinta natureza.
“O obxectivo do convenio é establecer un marco de relación para colaborar entre a Universidade de Vigo e toda a rede. Especificamente, logo, en función das distintas temáticas e dos distintos campos de especialización da nosa institución, asinei 25 convenios específicos cos reitores dos institutos federais co obxectivo fundamental da internacionalización, sobre todo na parte académica, para abrir vías que a cada instituto lle interesen e para captar alumnos de mestrado e de doutoramento”, explica o reitor.
O memorando co Conif, a institución encargada de valorizar e consolidar os institutos federais, os centros federais de educación tecnolóxica e o Colégio Pedro II, e que aglutina máis dun millón de estudantes en todo Brasil, foi subscrito polo reitor Salustiano Mato e o presidente de Conif, Roberto Gil Rodrigues de Almeida, en presenza do embaixador de España en Brasil, Fernando Villalonga. Posteriormente, Mato rubricou cadanseu acordo cos institutos federais de Alagoas, Amapá, Amazonas, Brasilia, Ceará, Espírito Santo, Maranhão, Mato Grosso do Sul, Pará, Paraíba, Paraná, Pernambuco, Piauí, Río de Janeiro, Rio Grande do Sul, Rondônia, São Paulo, Sertão Pernambucano, Sudes de Minas e Sul de Minas.
Unha acción estratéxica na educación superior
Ademais da chegada de alumnado procedente dos institutos federais á Universidade de Vigo, os convenios asinados este mércores tamén fomentarán a mobilidade de grupos de investigación e docentes en liñas específicas, así como a realización de proxectos de investigación intercontinentais en diversas temáticas, segundo o interese e ámbito de traballo e cada un dos institutos.
“A importancia de asinar co Conif é que temos unha maneira de chegar a todos os estados do Brasil, dun xeito moi claro”, sinala Mato, que destacou a presenza na sinatura do embaixador de España en Brasil. Fernando Villalonga valorou esta iniciativa como “unha acción estratéxica e moi intensa na educación superior entre España e Brasil”, ao tempo que destacou o bo posicionamento acadado pola Universidade de Vigo no país suramericano.
Trala sinatura dos convenios, o programa de actividades que o reitor da Universidade de Vigo está a desenvolver en Brasilia continuará mañá cunha reunión con representantes do Ministerio de Educación de Brasil e unha visita ao reitor do Instituto Federal de Goiás. Departamento de comunicación