A directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Margarita Prado Vaamonde, presidiu hoxe unha nova reunión ordinaria da Mesa Sectorial de Sanidade. Nesta xuntanza, o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña pechou cos sindicatos as bases do concurso específico para a promoción das especialidades de enfermería no Sergas.
No marco da implantación progresiva das anteditas especialidades, este ano serán convocadas, para promoción interna, 93 prazas de persoal de enfermería de saúde mental e 4 de enfermería do traballo. Esta medida complementa outras xa adoptadas pola Consellería de Sanidade, como a inclusión na oferta pública de emprego de 2017 de prazas de enfermería familiar e comunitaria e enfermería pediátrica.
Ademais, finalizouse a negociación de convocatorias da oferta pública de emprego de 2017 nas categorías de médico de familia, persoal de enfermería, celador, enxeñeiro técnico de documentación sanitaria, así como dos grupos técnicos, de xestión e auxiliar da función administrativa. Xunto con todo o anterior, concretáronse os destinos do concurso de traslados aberto e permanente de diferentes categorías en tramitación.
Finalmente, estableceuse un cronograma de reunións de comisións técnicas en diferentes materias como as de carreira profesional ou persoal dos Puntos de Atención Continuada.