A Coruña.- O Pleno da Deputación da Coruña ratificou esta mañá o seu compromiso coa igualdade entre mulleres e homes tras aprobar unha moción de apoio ás mobilizacións e paros laborais que se producirán o vindeiro día 8 de marzo co gallo do Día das Mulleres.
A proposta realizada polo goberno provincial, saíu adiante cos votos favorables de PSdeG-PSOE, BNG, Marea atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños, e a abstención dos deputados do Partido Popular.
A iniciativa, defendida pola vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, ten por obxecto contribuír a visibilización das situacións que padecen moitas mulleres en todo o mundo en materia de Igualdade, apoiando a participación na xornada mundial de paros e mobilizacións en prol da igualdade de oportunidades.
Neste sentido, a moción esixe a mellora das condicións laborais (fenda laboral, dereito a conciliación, acoso laboral), e tamén reclama medidas inmediatas para que se poña fin a todas as facianas da violencia machista.
A folga do vindeiro día 8 de marzo, foi convocada por asociacións e organización feministas de 57 estados, e afectará a todas as actividades e centros de traballo -públicos e privados-. Así, farase efectiva en diferentes franxas horarias -de dúas horas-, segundo as quendas de traballo.
Goretti Sanmartín reivindicou ante o pleno provincial a necesidade de que a Igualdade sexa “real e efectiva en todos os ámbitos”, e sinalou que é preciso “poñerlle solución ás desigualdades presentes na sociedade entre mulleres e homes, aplicando políticas eficientes”.
Así mesmo, a vicepresidenta cualificou a xornada do Día das Mulleres como unha “data especial e particular”, e animou a todo o tecido social a participar nas distintas mobilizacións. “Para acabar coa desigualdade non abondan as palabras, temos que pasar aos feitos” concluíu.
Pola súa parte, o Partido Popular presentou unha enmenda de substitución ao texto do BNG e PSdeG, unha proposta que posteriormente sería rexeitada en votación plenaria.
Así, o portavoz do Partido Popular, Agustín Hernández, sinalou que pese a estar de acordo coa igualdade efectiva entre mulleres e homes, as medidas que se propoñen “son improcedentes, inútiles e inaxeitadas”, e defendeu a abstención do seu partido ao considerar que “hai moitas medidas máis apropiadas que unha folga”.
O deputado do PSdeG-PSOE, Bernardo Fernández, replicou aos comentarios do portavoz popular ao considerar que “unha folga pola igualdade de dereitos nunca será nin improcedente, nin inútil nin inaxeitada”.
Pola súa parte, Marea Atlántica presentou unha emenda que foi incorporada ao texto da moción e que pretendía instar á Xunta de persoal e ao Comité de empresa da Deputación a que informe ao persoal de todas as convocatorias existentes tanto de paros parciais como de folga de xornada completa para a folga xeral. Departamento de comunicación