O secretario
xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, apuntou que, “se a economía está
despegando grazas aos Orzamentos da Xunta, imaxinen se ademais tivésemos un
modelo de financiamento xusto”.
Así, explicaba
que a
mellor maneira de consolidar esta tendencia positiva, sería un mellor sistema
de financiamento autonómico, que deixe de prexudicar a territorios como o
galego, e que teña en conta as nosas necesidades en canto a servizos públicos. “E
sabemos que iso é o que ocupa hoxe en día ao goberno galego, deixando de lado
intereses partidistas, e chegando a entenderse con gobernos de distintas cores
políticas para defender os intereses dos nosos veciños, que é o que facemos no
noso día a día”, subliñou.
Así mesmo, lembrou que esta semana
tivemos varias boas noticias no eido económico, que se refiren ao balance do
peche do ano pasado, como son que Galicia volve bater o récord de exportacións
por quinto ano consecutivo, superando por primeira vez a cifra dos 21.000
millóns de euros; que 2017 foi o mellor ano para o naval galego na última
década, con contratos por uns 470 millóns de euros; e que o sector da pesca
acadou tamén o seu máximo valor histórico en valor de descargas en lonxa, con
máis de 500 millóns de euros. Todas elas veñen a sumarse a outras xa coñecidas
como os históricos datos de creación de emprego, de crecemento económico ou o
novo récord de afluencia de turistas á nosa Comunidade.
Malia isto, o secretario xeral sinalou
que “as boas cifras non deben servir para facernos conformistas, senón para
animarnos a perseverar e melloralas de cara aos exercicios futuros”. “E
tamén deben servir para que sigamos investindo o crecemento económico en
mellorar os nosos servizos públicos para que a recuperación chegue a todos os
galegos”, engadiu.
Como exemplo de que a Xunta está dando
mostras día a día de que é consciente desta realidade, Tellado recordou que onte
mesmo coñecemos que este ano se convocará unha Oferta Pública de Emprego de
2.050 profesores, o dobre do ano pasado e a maior oferta na última década; que
se aumenta en 520 as prazas en escolas infantís, co horizonte de que en 2020
todos os concellos teñan polo menos un recurso de fomento da conciliación; ou
o reforzo do sistema de protección á infancia con máis recursos para familias
de acollida e centros de menores.
“Galicia conseguiu todos estes avances económicos e sociais cunha receita que é
ben coñecida por todo o mundo: estabilidade institucional, aprobando os
orzamentos de cada ano en tempo e forma; aposta polos nosos sectores produtivos
e modernización da nosa economía; e control das Contas públicas”,
remarcou.
"Asinantes de primeira e de segunda"
O número dous do PPdeG tamén se
referiu ás novidades sobre a compra dun piso por parte do Concello de Coruña a
un fundador da Marea Atlántica, cuxa única forma de explicala por parte de
Xulio Ferreiro foi escudarse detrás dos funcionarios, “que se viron obrigados a
defender a súa honorabilidade e profesionalidade ante as dúbidas que xeran as
actuacións da Marea Atlántica”, e mandar ao seu concelleiro de Urbanismo a dúas
comisións, nas que acabou recoñecendo que era posible que se cometesen erros
nesta compra, polo que habería que abrir unha investigación. “Xulio Ferreiro xa demostrou que non é capaz de explicar
estes casos de amiguismo continuado”, insistiu.
Nese senso, precisou que se a partir
disto o rexedor quere seguir facendo os seus «Dillo Ti» polos barrios da
Coruña, “o que vai ter que explicar é por que na Marea Atlántica hai asinantes
do manifesto de primeira e de segunda”. Así, aos aspirantes de primeira cómpralles
pisos irregulares con diñeiro público, adxudícalles contratos a dedo, por valor
de hasta 300.000 euros, e concédelles o uso da antiga cárcere.
“Supoñemos que os cada vez menos
asinantes de segunda, os que non sacaron rédito económico da súa militancia na
Marea Atlántica, empezan a sentirse tan agraviados coma o resto de coruñeses, que
ven como o seu concello se utilizou para alimentar a unha cuadrilla de amigos”,
sentenciou. Departamento de comunicación