A Coruña.- O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse hoxe no seu despacho da institución provincial coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez. No encontro participaron tamén os deputados provinciais Xosé Regueira, responsable da área de Turismo, e Antonio Leira, encargado de Economía e Facenda.
Durante a reunión abordouse a futura constitución dunha mesa de coordinación e seguemento dos camiños xacobeos que discorren provincia da Coruña, da que formarían parte, ademais de representantes da administracións provincial e autonómica e o Xacobeo, os concellos polos que discorre o Camiño de Santiago.
Dende a Deputación da Coruña destacouse “a estreita colaboración” que se vén mantendo con Turismo de Galicia e Xacobeo nas accións de promoción e mellora dos camiños xacobeos da provincia: Inglés, francés, primitivo e portugués, así como a prolongación Muxía-Fisterra.
Estas accións inclúen a promoción exterior do Camiño en importantes feiras e eventos turísticos (incluíndo FITUR ou Fairway), a mellora da sinalización dos camiños (que incluíu a dotación de códigos QR con información do Camiño), a construción de sendas peonís nas marxes das estradas polas que discorren os camiños xacobeos ou o evento “Primavera no Camiño”, que reuniu en Betanzos aos 18 municipios coruñeses polos que discorre o Camiño Inglés. Departamento de comunicación